Deputación de Lugo

Zero en Conduta. Unha mostra dos alumnos e alumnas da Escola de Maxisterio chega ao Museo de Lugo

Antón Bao, inaugurou esta exposición que estará aberta durante 1 mes

¿Zero en conduta” é unha exposición de traballos realizados polos alumnos da Escola de Formación de Profesorado de Lugo durante os cursos académicos 2006-2007 e 2007-2008. O vicepresidente primeira da Deputación, Antón Bao, inaugurou hoxe esta mostra que quere dar visibilidade ás voces dos alumnos en relación con aspectos que foron excluídos do sistema educativo pero que son decisivos na construción da identidade, tanto persoal como profesional: as historias de vida e os conflitos que as marcan. A exposición estará aberta durante un mes. Antón Bao salientou a circunstancia de que o conflito se constitúa como eixo central de todos os traballos. Cada alumno utiliza a arte como unha ferramenta da que se vale, non para atopar unha solución, senón, máis difícil aínda, para decatarse da existencia de conflitos onde non se tiña reparado antes; nas desigualdades estruturais do noso entorno que condicionan as nosas vidas, na maioría das veces de forma inconsciente. Segundo o vicepresidente primeiro Antón Bao ¿con esta mostra o museo de Lugo convertese nun espazo aberto á expresión máis pura da liberdade artística e, sobre todo, aberto ao colectivo universitario”. Bao recalcou, unha vez máis, a intención da Área de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo de facer do museo un espazo vivo e aberto á cidadanía. ZERO EN CONDUTA, UN PROXECTO COLECTIVO Este proxecto xurdiu como unha experiencia alternativa para a aula que permitira traballar dende a arte e a educación cara a sociedade as persoas e a vida. O punto de partida é una visión da arte como un medio para cuestionar o mundo no que vivimos, un instrumento para modificar a conciencia e organizar novos modos de sensibilidade. Dende esta perspectiva, falar de arte e educación implica falar das relacións entre os individuos e o seu entorno. Primeiro para observar os inevitables graos de alienación que experimenta o suxeito nas súas relacións coa realidade e segundo para poder elaborar outras narrativas, escenarios diferentes que nos axuden a construirnos como suxeitos críticos máis alá das convencións socialmente adquiridas.