Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo aporta 100.000 euros ó POP en Prevención de Riscos que se imparte en Ciencias

O Presidente da entidade provincial e o Reitor da USC asinaron en Humanidades un convenio de colaboración

A Deputación Provincial de Lugo financiará con 100.000 euros unha parte do Programa Oficial de Posgrado en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental, que se celebra desde o mes o outubro na Facultade de Ciencias do Campus lugués. Así o acordaron este luns o Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, coa sinatura dun convenio entre as dúas entidades na Facultade de Humanidades. O máximo responsable provincial dixo que este convenio, de cinco anos de duracion, “demostra a confianza plena entre as dúas institucións, algo esencial en política”. O titular da Deputación dixo que un convenio coma este permite “traballar á xente a longo prazo, que é cando se ven resultados. A prevención dos riscos laborais e a saúde mediambiental son fundamentais na sociedade actual, pero tamén é necesario tomar conciencia de que Lugo empeza a ser un referente en prevención de riscos laborais”. Formación en riscos laborais Mediante este aconvenio, a Deputación Provincial financiará esta actividade formativa con 20.000 euros anuais nas cinco edicións previstas inicialmente no convenio, que terá vixencia ata o ano 2012. Expón tamén neste acordo o interese da entidade en fomentar a formación de especialistas nesta materia. Estes estudos están dirixidos a titulados universitarios superiores e medios e ten por obxectivo dotar ó alumno dun coñecemento teórico e práctico da Prevención de Riscos Laborais que permita a homologación para o exercizo profesional de Técnico Superior nas tres especialidades contempladas na lexislación: Seguridade no Traballo, Hixiene Industrial e Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada. Os seus contidos facilitarán un amplo coñecemento da aplicación da normativa legal ó respecto cumprindo os criterios da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo para ser técnico. O máster tamén pretende promover o coñecemento da Toxicoloxía Laboral e a prevención de enfermidades profesionais asociadas á exposición a axentes tóxicos no medio laboral e tomar conciencia sobre os problemas medioambientais e os seus efectos sobre os ecosistemas e a poboación. O curso impartirase de forma mixta, con clases presenciais e módulos a desenvolver de xeito virtual, cun total de 90 créditos de formación teórica e práctica nos que os alumnos estudarán aspectos como lexislación, seguridade, hixiene, ergonomía e medicina de traballo, entre outros. Será un total de ano e medio de estudos no que se inclúen prácticas en empresas. A primeira edición do máster deu comezo no mes de outubro e nela participan un total de 43 estudantes. Este POP xurdiu despois da celebración neste mesmo centro de tres edicións do Máster en Prevención de Riscos. Edificio Enxeñería Civil O Presidente provincial tamén se refeiru ó futuro edificio de Enxeñería Civil “un compromiso establecido previamente que a nova Deputación respeta e que quere mellorar”. Gómez Besteiro dixo que neste momento estase procendendo “á valoración das fincas onde se ubicará o centro e pechando o proxecto básico da infraestrutura e os custes finais”. Segundo o presidente “o imporante é que o proxecto nazca con bases sólidas, e será unha posta decidida deste mandato, xa que os cartos están reservados”. Gómez Besteiro tamén destacou o feito de que a USC asinase o Foro Prolugo, encargado de elaborar o Plan Estratéxico provincial porque “ó final o que se persegue é que traballemos todos de forma conxunta baixo un guión establecido, onde a Universidade representan un papel importantísimo, xa que é un pilar do desenvolvemento da provincia”.