Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación anuncia en Becerreá que os Concellos da Montaña terán dotacións de extinción de incendios

Gómez Bestesiro visitou oficialmente este Concello dos Ancares donde asinou o convenio para a construción das piscinas municipais

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, visitou oficialmente este martes o Concello de Becerreá, dentro da rolda de entrevistas que está a realizar a todos os Alcaldes e Alcaldesas da provincia. Gómez Besteiro, que foi recibido polo rexedor, Manuel Martínez, anunciou que este municipio, ó igual que os do resto da Montaña, terá unha dotación para atender os casos de emerxencia. “Existe o compromiso real da Consellería de Presidencia e da Deputación para dar un tratamento específico ós Concellos da Montaña, xa que non responden ós parámetros do resto da provincia, pola súa orografía e as condicións metereolóxicas durante o inverno. Estamos a traballar para que cada Concello conte cun miniparque que permita ser operativos nesta zona onde é más difícil responder ós sinistros de forma inmediata”, dixo Gómez Besteiro, quen tamén afirmou que “é de sentido común que se trate de xeito específico para que os veciños desta comarca teñan os mesmos dereitos que o resto da provincia”. Convenio para as piscinas Este foi un dos asuntos abordados por Gómez Besteiro con Manuel Martínez, quen cualificou a visita de “histórica porque é a primeira vez, na etapa democráctica, que un Presidente da Deputación visita oficialmente este Concello”. O Presidente da Deputación e o Alcalde de Becerreá asinaron o convenio para a construción das primeiras piscinas municipais desta localidade, cabeceira da comarca dos Ancares, e que conta cunha poboación de 3.246 veciños. Esta dotación, moi demandada polos veciños, estará ubicada á carón da área recreativa do Parque de Xesteda, moi preto do casco urbano, desde o que hai un fácil acceso a pé. O acordo asinado entre os responsables dos dous organismos prevé un investimento de 990.000 euros que serán aportados pola Deputación. Sólo industrial Os máximos responsables provincial e local visitaron os terreos donde se construirán estas piscinas, así como o polígono industrial da localidade, que ten o solo esgotado. O rexedor plantexou a necesidade de crear un novo parque e amosou ó Presidente a parcela que propón o Concello para a súa ubicación. Gómez Besteiro dixo que “para fixar poboación, e mesmo atraer veciños de fóra, é fundamental que haxa solo inustrial. Becerreá está moi ben comunicada, non só con resto de Galicia, senón tamén con Castela, grazas a A-6, e a Deputación estudará a creación deste parque sempre en cado non sexa considerado preferente pola Xunta de Galicia”. A continuación o titular da Deputación estivo no edificio da antiga Escola de Educación Infantil, onde o Concello ten previsto ubicar un telecentro con biblioteca, videoteca, aulas de formación e sala de lectura. Manuel Martínez solicitou unha axuda ó organismo provincial para reparar os sistemas eléctrico e de calefacción. Outra das peticións plantexadas polo Alcalde é o acondicionamento con aglomerado en quente das vías de acceso á parroquia de Penamaior. O Presidente da Deputación asinou no libro de ouro do Concello de Becerreá e entregou ó Alcalde, como agasallos institucionais, unha bufanda de seda e unha lámpada, ambalas dúas pezas elaboradas por artesáns do Centro de Artesanía e Deseño. O Alcalde de Becerreá agradeceu a visita do Presidente a amosouse seguro de que “a colaboración entre as dúas institucións será fructífera”.