Deputación de Lugo

O anuario – GUÍA ...E para comer, Lugo presentouse nun acto na Deputación

Este anuario-guía recolle unha guía turística das comarcas de Lugo e un directorio cos establecementos asociados á Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo

...E para comer, LUGO recuperase como lema para unha campaña promocional do turismo nas comarcas de Lugo LUGO, 22 DE XANEIRO. A Deputación de Lugo acolleu a presentación do Anuario Guía da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo. Esta guía – anuario, que leva por título ...E para comer, Lugo, é unha iniciativa da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo e contou co patrocinio de diversas entidades e empresas que apoiaron esta iniciativa. Nesta publicación podemos atopar unha guía turística, que recolle as excelencias turísticas das comarcas de Lugo, e un directorio cos establecementos asociados á Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo. A guía turística, que está prologada polo presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo, Cheché Real e polo conselleiro de Innovación e Industria da Xunta de Galiza, Fernando Blanco, aparece dividida en cinco apartados: Lugo capital, A Mariña, as Rutas Xacobeas, O Courel – Ancares e a Ribeira Sacra. En cada un dos apartados descríbense os valores paisaxísticos, histórico – artísticos, as rutas e a gastronomía de cada unha das comarcas antes referidas. A presentación deste Anuario Guía da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo correu a cargo do presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo, Cheché Real que estivo acompañado por membros da xunta directiva da asociación que representa. Tamén participaron na presentación o vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao Abelleira, e o Delegado en Lugo da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galiza, Ramón Cortés. ...E para comer, Lugo A gastronomía e o pracer de viaxar descubrindo as boas cousas que rodean o bo comer son as razóns de ser de unha campaña que se lanzará co lema ...E para comer, Lugo. Este vello lema recuperado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo protagonizará unha campaña de promoción dos valores turísticos de Lugo e das súas comarcas. Segundo sinalou o vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao na presentación da guía “a recuperación deste lema, ...E para comer, Lugo supón mirar cara o futuro sen perder de vista un pasado que nos sitúa como creadores dunha magnifica gastronomía que engade valor ós xa, de por si, atractivos reclamos turísticos das comarcas de Lugo”.