Deputación de Lugo

30 alumnos do colexio Santo Tomé de Taboada visitaron o Centro de Interpretación Terras do Miño

O Deputado provincial de Medio ambiente recibiu ós escalares que realizaron unha visita guiada ó Centro

O Deputado provincial de Medio Ambiente, Ricardo Parada, recibiu este mércores no Centro de Interpretación Terras do Miño a 30 alumnos do colexio Santo Tomé de Taboada. Ricardo Parada deu a benvida ós rapaces que realizaron unha visita guiada ó Centro da man de técnicos do INLUDES. Neste senso, os escolares, con idades compredidas entre os 5 e os 6 anos, puideron coñecer e descubrir as principais características de Terras do Miño, Reserva da Biosfera declarada pola UNESCO no ano 2002. A iniciativa enmárcase dentro do obxectivo da Deputación, a través do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social, de dar a coñecer este espazo natural que foi incluido na Rede Mundial de Reservas da Biosfera o 7 de novembro de 2002. Neste senso, o Deputado provincial subraiou que estas visitas estanse facendo desde o departamento de Medio Ambiente “para poñer en valor o medio natural de Lugo que ten o seu culmen nas zonas de Ancares, Miño e Eo, Oscos-Terras de Burón. En definitiva, do que se trata é de que estes rapaces tomen conciencia da importancia de respectar o medio ambiente, a través deste tipo de iniciativas, da recollida selectiva, etc”. Deste xeito, con material adaptado para os escolares, os técnicos do INLUDES amosaron ós alumnos a calidade ambiental e a riqueza natural da zona, así como a variedade florística, representada polos bosques da ribeira, ábores centenarios, plantas acuáticas, etc. Con 363.669 hectáreas é a primeira Reserva de Galicia e unha das máis extensas de España. O seu ámbito xeográfico, que abarca o 39% da provincia de Lugo, inclúe 26 Concellos: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Barralla, O Páramo e Láncara. A designación da Reserva supón o máis elevado recoñecemento internacional á conservación das paisaxes, hábitats e especies da cunca alta dun río, na Rexión Atlántica Europea. A declaración supón a integración entre a conservación e o desenvolvemento da poboación local, cun esforzo especial en tarefas de investigación, formación e educación ambiental.