Deputación de Lugo

O Centro de Artesanía organiza un curso de cestería de palla sobre cartón

Unha artesá de Outeiro de Rei é a única que conserva esta técnica en Galicia

O Centro de Cestería do Río Rato acolle esta semana o curso de Cestería de Palla sobre Cartón, o quinto dentro da programación de primavera do Centro de Artesanía e Deseño dependente da Deputación. Esta actividade, que se desenvolve do o 5 ó 16 de maio, agás a fin de semana, está a ser impartida pola artesá de Outeiro de Rei Dolores González, a única que aínda emprega esta técnica en Galicia. Os cestos de palla sobre cartón son moi delicados e requiren moito tempo para a súa elaboración. O cartón emprégase para facer a estrutura. Coa palla, que debe segarse a man para que non sufra ningún tipo de deterioro, fanse diversas trenzas e filigranas que se cosen por fóra da peza. O interior fórrase con tea. O resultado son cestos de pequenas dimensións que se destinan a costureiros ou paneiras. Coa organización deste curso, o CENTRAD aposta por que non se perda esta técnica, que no pasado se empregaba moito en Galicia, pero que agora corre o risco de desaparecer polo tempo que require a elaboración destes cestos, algo que fai pouco viable a súa comercialización. O obradoiro impártese en horario de 16:30 a 20:30, e está dirixido a cesteiros profesionais ou noveis, artesáns doutras disciplinas e público en xeral. O curso inclúe a identificación dos materiais e ferramentas necesarias, a confección da estrutura de cartón, a elaboración das distintas trenzas e filigranas de palla a empregar, o cosido das trenzas á estructura e forrado do interior en tea. Obradoiros portátiles Por outra banda, ós obradoiros portátiles de tapiz, cestería e instrumentos musicais seguen a percorrer os centros educativos da provincia co obxectivo de promocionar os oficios tradicionais entre os rapaces. Esta semana, os alumnos do CEIP de Vilalba teñen a oportunidade de coñecer as principais técnicas de cestería nos dous obradoiros que estarán no colexio ata mañá mércores. O venres e o sábado un destes obradoiros de cestería estará no IES da Pinguela de Monforte de Lemos Polo que se refire á modalidade de tapiz, impártese ata mañá nos CEIP de Pastoriza e de Currelos, mentres que o obradorio de instrumentos musicais estará ata o xoves no IES Illa de Sarón do Concello de Xove. A semana que vén, os obradoiros portátiles achegaranse ata os CEIP do Corgo e As Mercedes e o CEE Santa María de Lugo.