Deputación de Lugo

Gómez Besteiro, pregoeiro da XXVII Feria do Viño de Chantada

O Presidente da Deputación destacou algúns dos investimentos que está a realizar o organismo provincial nesta localidade como o pago do canon hidroeléctrico ou o parque de bombeiros

O titular provincial exaltou a calidade do viño que conta coa distinción de Denominación de Orixe Ribeira Sacra desde 1995 O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, pronunciou este domingo o pregón da XXVII Feira do Viño de Chantada. Gómez Besteiro aproveitou a ocasión para brindar cos veciños deste Concello que levaban 18 anos esperando que a institución provincial lles pagase a débeda do canon hidroeléctrico, que ascende a 5 millóns de euros. O máximo mandatario provincial subliñou que este mes inciaranse 36 obras en vías rurais, incluídas no Plan de Obras con cargo ó canon correspondente á anualidade de 2008, e que ascende a 1,6 millóns de euros. Gómez Besteiro, acompañado do Alcalde da localidade, Manuel Anxo Taboada, destacou, a calidade do viño que conta coa distinción de Denominación de Orixe Ribeira Sacra desde 1995. Asimesmo, tamén subraiou que este Concello, situado “no Corazón de Galicia”, pode presumir doutros produtos como as cereixas, a castaña, os cogumelos ou a empanada. Na Feira do Viño 2009, que está organizada pola Asociación Feira do Viño e o Concello, puxéronse á venda ó redor de 20.000 botellas de viño mencía. Nesta edición participaron 20 adegas da zona. A Festa tamén contou con outro atractivos como a Feira de Oportunidades, na que participaron establecementos comerciais da localidade. PREGÓN DO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN: Benquerido amigo e Alcalde de Chantada -Manuel Taboada-, membros da Corporación Municipal e da Comisión Organizadora, Autoridades, amigos e amigas... ¡Moi boas tardes!!!, Con este «ambientazo» e rodeado de tan boa xente… Alcalde, esto dalle mil voltas ó chupinazo do San Fermín! De pequeno escoitaba que “o bo viño non debe probalo quen non sabe paladealo”. Hoxe non teño a menor dúbida de que todos os que estamos aquí e as miles de persoas que viñeron a Chantada esta fin de semana de toda Galicia e doutras Comunidades, sabemos “paladear” a calidade deste saboroso viño. Por algo conta co merecido recoñecemento da Denominación de Orixe Ribeira Sacra desde 1995. Estamos no Corazón de Galicia, e desde aquí vós bombeades este viño de cor guinda, acidez xusta e aroma afroitado, a todos os recunchos da nosa Comunidade e máis alá das nosas fronteiras. Grazas a esta Feira, que xa vai pola súa vixésimo sétima edición, e grazas ó traballo de promoción que facedes desde hai anos, os latexos deste Corazón son cada vez máis fortes e extenden o mercado deste caldo ata países ben lonxanos. Por iso, síntome moi honrado de ser o pregoeiro desta Feira, que é sinónimo de FESTA pero FESTA con maiúsculas, como puiden comprobar o ano pasado. E por eso quero empezar dándovos as GRAZAS, GRAZAS de corazón. Todos sabemos que a Feira do Viño de Chantada é unha obligación no calendario dos encontros gastronómicos do noroeste peninsular, é a primeira feira do ano dos caldos da Ribeira Sacra… pero este ano en Chantada temos moitos motivos polos que brindar e, dígovos con toda a humildade, que a Deputación de Lugo ten bastante que ver… Cando brindamos, a todos nos gusta brindar por algo. E por fin fíxose xustiza con todos os veciños deste Concello que levaban 18 anos esperando, esperando, esperando que a Deputación lles pagase a débeda do canon hidroeléctrico. Pois ese momento chegou e, cumprindo coa miña palabra dada o día da toma de posesión, hai pouco máis de ano e medio, xa estamos pagando os 5 millóns de euros, é dicir, preto de 900 millóns das antiguas pesetas, que vos debiamos. ¿E como os estamos pagando, dirán vostedes? Pois con obras. Teño que confesarlles que son un pregoeiro un pouco atípico porque a miña relación con Chantada é tan recente como intensa. Estou descobrindo este Concello da man do meu querido amigo Manuel Taboada- un home de poucas palabras, pero de PALABRA- que, como bo chantadino, é o mellor anfitrión, e un sempre marcha de aquí sabendo que paga a pena repetir. Con esto non lles estou dicindo que para o próximo ano me teñen que volver poñer de pregoeiro, como lle pasa a un amigo meu que empezou a facer de Rei Mago nas Cabalgatas e agora non hai quen o xubile… o que lles quero dicir é que Chantada é o Concello da provincia no que máis está a investir a Deputación e que ademais o facemos con gusto porque o ten máis que merecido. Chantada ten o privilexio de formar parte dunha das xoias da coroa non só de Galicia senón de toda a Península. Estou a falar, por suposto, da Ribeira Sacra, da que nos sentimos moi orgullosos todos os lucenses e pola que imos loitar para que dunha vez sexa declarada Patrimonio da Humanidade. Estamos tan seguros de que a Ribeira Sacra é única, que a maior parte da xente que participa no programa de visitas á provincia organizado pola Deputación, o xa famoso KM0, ten claro a onde quere ir. Preto de 4.000 lucenses de todos os puntos cardinais xa coñecen mellor a nosa provincia gracias ó Km0 e eso que o empezamos en setembro. ¿Pero saben cal é o destino máis demandado? Están pensando ben: a Ribeira Sacra, e gaña por goleada! Voulles contar un par de anécdotas do KM0 nesta terra... Cando trouxemos unha excursión de Foz, un patrón de pesca que estivo embarcado por todo o mundo quedou parvo con esta paisaxe e, tolo pola súa beleza, morría por pilotar o catamarán da Deputación porque dicía que nunca vira cousa igual… outros pérdensenos cando os traemos por Chantada e andan degustando os viños. Despois temos que andar facendo o reconto no bus porque sempre nos falta algún… Todo esto nos recorda que, por moi bo que esté o viño, hai que beber con sentidiño. Xa saben aquelo de… “Bo é beber, pero non ata caer”. Hai que bebelo con moderación e en boa compaña, como a que temos hoxe aquí en Chantada, e se pode ser cunha desas tapiñas que nos teñen preparadas os organizadores, moito mellor… Verdade? Pero o viño non só é arte e gastronomía… é riqueza e oportunidade económica. Por iso, animo ós adegueiros, os viticultores e ó Concello a que continúen pola senda emprendida hai 27 anos e que tan bos resultados está a dar. Quero felicitar ós chantadinos e chantadinas por manter viva a tradición vinícola ó longo dos séculos e por ter sabido adaptarse ós novos tempos. O Concello de Chantada pode presumir de moi bos produtos, como as cereixas, a castaña, os cogumelos... ¿e que me din da Empanada, á que os chantadinos adican toda unha festa? Pero permítanme que lle dea o papel protagonista ó viño, que é o astro rei do universo gastronómico deste municipio, e un dos principais sinais de identidade. Este caldo non pasou desapercibido para grandes escritores como Alvaro Cunqueiro ou Anxel Fole. O de Monoñedo o recomendaba no seu libro titulado “A cociña galega”: “Son moi serios estes viños chantadinos, cun corpo levián e suave, e ainda que tintos, pódense beber frescos, co frescor das adegas da ribeira dereita do Miño en Belesar”. E Fole inmortalizouno nalgúns relatos, como o titulado “Antón de Cidrán”, incluído no seu memorable “Á lus do candil”. Cunqueiro e Fole, escritores lucenses e universais, xa sabían da calidade destes viños moito antes de que fosen recoñecidos coa Denominación de Orixe. Por algo eran sabios! Os viños están moi ligados á terra que os produce, e o de Chantada é un claro exemplo. Elabórase coas uvas cultivadas nos bancais da ribeira do Miño, o que convirte a vendima nun traballo moi duro, que moitos elevan á categoría de heroico. Heroes anónimos foron, e sodes, os milleiros de chantadinos e chantadinas que ó longo dos séculos deixades a pel para sacar adiante a colleita. Pero permítanme que hoxe, que se celebra o día da Muller Traballadora, faga unha especial mención ás mulleres ás que non sempre se lles recoñece o seu traballo. É xusto que lle rindamos unha merecida homenaxe. Por tanto, detrás deste viño que ofrecen as 18 adegas que participan na presente edición da Feira, seguro que hai moito, moito esforzo das mulleres. E falando de esforzos… eu sei dalgún que si que tivo que esforzarse para erguerse ó día seguinte do Entroido Ribeirao, que hai apenas un par de semanas enchía estas mesmas rúas cos seus volantes e peliqueiros, animados -todo hai que dicilo- cuns groliños de viño. E mira que lles digo que hai que deixar forzas para agosto, que chega o “Folión dos carros”, unha festa singular na que se representan esceas tradicionais da comarca como as tarefas do agro, a matanza e... por suposto, non podía faltar a vendima!! ¿E que me din dunha comarca que historicamente foi o berce de moitos músicos e que da nome á muiñeira máis famosa de cantas existen? Non me poderán negar que iso xa é garantía de que estamos nun Concello que contaxia alegría. Por iso non me extraña que os nosos antepasados aló polo ano 7.000 antes de Cristo, é dicir, no Neolítico xa escolleran Chantada para cultivar o viño. E, ¿qué me din dos romanos....? Moita obra de enxeñería, latín, Dereito... pero con ese bo ollo que tiñan para case todo, e que non daba puntada sen fío, axiña se decataron do microclima e das condicións desta terra para a viticultura. Xa na Idade Media, a Igrexa tomou o relevo e recuperou o viño. As congregacións relixiosas atoparon as condicións ideais para o retiro e para o famoso… “Ora et labora”. Grazas a este amor por Chantada, quedáronnos templos e igrexas incribles de estilo románico como San Salvador de Asma ou San Cristovo de Mouricios… Din que o Rei Alfonso X El Sabio tivo amores en Chantada. A afortunada era María Pérez Balteira, apodada “A Soldadeira”, amiga de Pedro de Ambroa, “O Das Trovas”. Eu pregunto… se estivo namorado o Rei Alfonso X El Sabio en Chantada, ¿cómo non nos imos namorar de Chantada os que non somos reis…? En fin… podería alongarme horas e horas pero hai que ir remantando porque o protagonista é o viño e chegou o momento dos brindis. COLLAN OS VASOS, Brindemos por Chantada, polos chantadinos e polo seu viño, que nos axuda a facer a vida un pouco máis agradable. Chantadinos, Chantadinas, estamos de festa!!! Prohibido aburrirse e moitas grazas!!