Deputación de Lugo

Os primeiros 150 produtos Lugo Sabe venderanse en supermercados Cemar e estacións de servizo da A-6

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro entregou os diplomas que acreditan a marca de calidade da Deputación ás primeiras 35 empresas lucenses que someteron os seus produtos a unha rigorosa avaliaciónHortalizas, mel, pan e derivados, queixos, embutidos, carnes de vacún e porcino ou doces de 12 Concellos da provincia obtiveron este distintivo á espera de novas certificaciónsA Deputación pon á venda estes produtos inicialmente en expositores estratexicamente situados en 14 establecementos de Cemar, Cafestore e La Palloza Gallega en Lugo e Coruña

A Deputación pon no mercado os primeiros 150 produtos autóctonos Lugo Sabe, a marca de garantía de calidade do organismo provincial. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, entregou este martes os diplomas que acreditan posuír este distintivo, ás 35 primeiras empresas agroalimentarias que someteron os seus produtos a unha rigorosa avaliación durante todo o seu proceso de fabricación: produción, embalaxe, almacenamento e distribución. Gómez Besteiro salientou que “estou convencido de que esta alianza económica e medioambiental vai a dar bos resultados, temos que exportala. O orgullo de ser lucense ten que comezar por nós mesmos”.

Os 150 primeiros produtos que acadaron a marca de calidade Lugo Sabe son moi variados: hortalizas (pementos, cebolas, tomates, nabos, xudías...), mel, pan e derivados (empanadas, bolos preñados....), queixos (San Simón da Costa, de Tetilla, Galego, do País..), carnes de vacún e porcino, así como embutidos (xamóns, butelos, chourizos, lacón, cacheira, androlla, touciño, costelas, soá, lacón, tenreira galega...), ou doces (roscón de amendoa, bombóns, torta de Guitiriz, tarta de Mondoñedo, marmeladas, castañas en almibar...). A listaxe, que segue aberta a todas as empresas lucenses interesadas ás que lles supón un custe cero porque a Deputación asume os 60.000 euros de gastos, incrementarase nas vindeiras semanas logo de rematar coa certificación doutros produtos.

As 35 primeiras entidades lucenses que se sumaron á iniciativa da Deputación, enmarcada dentro de Lugo2, -o programa medioambiental dotado de 5 millóns de euros, cofinanciado nun 70% con fondos da Unión Europea-, son de 12 Concellos da provincia. Trátanse de: As Fadegas (Ribadeo), Labregos de Lugo SAT (Riotorto), O Trobo, Mel do Valadouro (O Valadouro), Panadería Rubal (Mondoñedo), José César Páez Santamaría (Ribadeo), Capones Aurora (Vilalba), Daniberto SAT (Vilalba), Queixería Don Crisanto (Vilalba), Queixería Cas Leira SL (Vilalba), Atilano Anllo SL (Vilalba), Castelo (Vilalba), Dispravia SL (Vilalba), Queixería Don Gabino (Vilalba), Jamones Francisco Otero Pérez (Vilalba), Queixería Prestes (Vilalba), Cogumelas Muralla (Lugo), Queixos Pacita (Friol), Lualco (Lugo), Bombones Suguimar SA (Lugo), Panadería Concha Campaceira (Friol), Embutidos Campa (Cervantes), Panadería Os Ancares (Cervantes), Torre de Núñez (Lugo), Embutidos Suarna (Navia de Suarna), Panadería La Esquina (Gutiriz), Confitería La Alianza (Mondoñedo), Confitería Méndez (O Valadouro), Embutidos Hermelio (O Valadouro), ACISAL (Vilalba), Dulce María Barro Fernández (Vilalba), Frilea SL (Castro de Rei), Jamones González SL (O Corgo), Delicias do Souto (Folgoso do Courel) e Caurelor (Folgoso do Courel).

Inmediata posta á venda

No mesmo día en que a Deputación concede a marca Lugo Sabe, avalando 150 produtos lucenses de auténtica calidade, pon en marcha a primeira medida para potencialos. A institución sufragou expositores específicos de Lugo Sabe que se estrearán esta mesma semana. Gómez Besteiro asinou un convenio para a súa inmediata posta á venda, nun principio, en 14 establecementos de Cemar, Cafestore e La Palloza Gallega nas provincia de Lugo e A Coruña. Na sinatura de dito acordo estivo presente Ana María López Amarante, representante de Cemar; José Manuel Saa Devesa, de Cafestore; e Ramiro López López, de La Palloza Gallega.

No caso de Cemar, en primeiro lugar venderanse nos 10 supermercados que posúe en Pobra de San Xillao, Ribadeo, Ferreira do Valadouro, Meira, Castro Riberas de Lea, Palas de Rei, nas rúas Quiroga Ballesteros e Monteros Ríos da cidade lucense, así como en Ortigueira e Cedeira, na Coruña. Unha vez que se incorporen novos produtos e se avalíen os resultados deste proxecto piloto, a Deputación incrementará o número de establecementos, levando os produtos Lugo Sabe polas máis de 40 tendas que posúe por toda a Comunidade a única cadea lucense de supermercados.

Os restantes puntos de venda sitúanse estratexicamente, en 4 estacións de servizo da A-6. Trátase dunha estrada pola que, segundo datos de Tráfico, a diario transcorre máis de 10.200 usuarios que, en moitos casos, convértense en clientes habituais destes establecementos á procura dun agasallo gastronómico típico da zona que, ata o de agora, non atopaban. Nun principio, as tendas que ofrecerán produtos Lugo Sabe son as situadas no quilómetro 538 dirección A Coruña-Madrid e Madrid-A Coruña (Cafestore), e á altura do Corgo, tamén en ambas as dúas direccións (La Palloza Gallega).

Comercio electrónico

A maiores, a Deputación porá en marcha en maio a primeira plataforma de comercio electrónico na provincia. Será un espazo onde, de xeito totalmente gratuíto e as 24 horas do día, as empresas lucenses poderán anunciar, vender e distribuír os produtos agroalimentarios. Nas vindeiras semanas, abrirase a listaxe para que todas as empresas que o desexen se sumen sen custe algún á iniciativa.