Deputación de Lugo

Lara Méndez defende a importancia de conseguir a igualdade social entre homes e mulleres

A Vicepresidenta Segunda da Deputación recibiu o premio que outorga a UXT da Mariña no “Día Internacional da Muller Traballadora”

A Unión Comarcal Costa Lucense de UXT homenaxeou este luns á Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, no “Día Internacional da Muller Traballadora”. Desde hai catro anos, esta organización concede este premio a unha muller da Mariña Luguesa como recoñecemento ó traballo desenvolvido en distintas áreas. Na súa intervención, a responsable provincial destacou a importancia de conseguir unha sociedade igualitaria tanto na teoría como na práctica. “Ata que non se supere a lacra social do maltrato non se vai conseguir a igualdade real. Este non é só un traballo das mulleres senón que tamén debe implicarse a sociedade e os homes”. Neste senso, Méndez puxo como exemplo desta desigualdade “que ata que non sexa noticia que unha muller ocupe o cargo de Vicepresidenta dunha Deputación non estaremos en igualdade”. En 2008 a Unión Comarcal concedeulle esta distinción á responsable do Comité de Empresa de Turismo de Ribadeo, Marta Alonso. O acto, no que tamén participou o secretario xeral a Unión Comarcal Lucense de UXT, Juan Carlos Piñeiro, foi conducido por Patricia Otero, responsable do Departamento de Muller da organización sindical na Mariña. Otero deu lectura ó comunicado oficial que emitiron conxuntamente CCOO e UXT con motivo do “Día da Muller Traballadora”. O 8 de marzo é recoñecido mundialmente como o “Día Internacional da Muller”. Esta data supón unha homenaxe a todas aquelas mulleres proletarias que arriscaron a súa vida por facer cumprir a súas demandas, de xeito que se conmemora a súa loita en pé da igualdade co home, na sociedade e no desenvolvemento íntegro como persoa.