Deputación de Lugo

O xurado de expropiacións xa resolveu 6 expedentes do POL 2005 que desbloqueou a actual Deputación

O organismo provincial contratará por primeira vez persoal interino a través de concurso-oposición

O Xurado de Expropiacións de Galicia xa resolveu seis dos expedentes de obras correspondentes ó POL 2005 que desbloqueou o actual equipo de goberno, e que estaban totalmente parados no anterior mandato provincial. O voceiro socialista, Antonio Gato, dixo este venres que “os traballos de expropiacións estaba paralizados ata o punto de que perigaban os recursos que procedían doutras administracións”. Gato Soengas subliñou que unha das prioridades dos actuais responsables provinciais foi axilizar todo o proceso para evitar que se perdan estas subvencións, que perigaban pola falta de terreos, e “ese traballo xa empezou a dar resultados”. Entre os expedentes que xa están resoltos, o voceiro socialista destacou o do proxecto de mellora da estrada de Rúa, en Cervo, correspondente ó POL 2005. Antonio Gato lembrou que as obras desta estrada estaban paralizadas cando entrou o actual goberno provincial porque non se enviara o expedente de expropiación ó xurado rexional, e por tanto, non se dispoñía dos terreos necesarios. Os outros cinco expedentes resoltos corresponden ós Concellos de Antas de Ulla, O Incio, Trabada, Vilalba-Muras e Sarria. En todos estes casos, os traballos poderán comezar en canto os resultados sexan notificados ás partes. Gato destacou, ademais, que “todos os POL e POS dos anos 2005 e 2006 foron enviados ó xurado”. Oferta de Emprego Público Por outra banda, Antonio Gato, dixo que a política en Oferta de Emprego Público experimentou co novo equipo de goberno “un cambio absolutamente radical no procedemento de contratación de persoal interino”. Segundo Gato Soengas, “por primeira vez a Deputación emprega o procedemento de concurso-oposición para cubrir postos de traballo interinos” e puxo como o exemplo a oferta que se publicou onte no Boletín Oficial da Provincia para cubrir dúas prazas de auxiliar administrativo do Servizo Provincial de Recadación. Antonio Gato aclarou que esto “non é algo excepcional que faga o equipo de goberno actual senón que é elevar á categoría de normal o que está previsto na lei, e vén substitur as anormalidades que se producían nas convocatorias de emprego da anterior Deputación”. O responsable provincial dixo que “os cidadáns deben saber que co novo goberno, hai a mesma oportunidade para todos, e respétanse os principios de publicidade, mérito, capacidade e igualdade”. O voceiro socialista tamén destacou como novidade o feito de que nos tribunais non haxa presenza de cargos politicos. No seu lugar estarán técnicos de igual o superior categoría ó posto que se vai seleccionar. Ademais, elaborarase unha lista coas persoas que opten ó concurso-oposición. Terá unha vixencia dun ano que permitirá facer contratacións para substitucións ou cubrir baixas. Acordos da Xunta Antonio Gato fixo estas declaracións na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno que este venres ratificou o convenio subscrito en febreiro polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o director xeral da Fundación Caixa Galcia, José Luis Méndez, para a elaboración do Plan Estretéxico da provincia no periodo 2008-2013. O Centro de Investigación Económcia e Financieira de Caixa Galicia, un dos máis prestixiosos de España, será o encargado de preparar este documento, que ten por obxectivo identificar as estratexias dirixidas a impulsar o desenvolvemento económico e social de Lugo, sobre a base do compromiso e a cooperación pública e privada dos principais axentes económicos e sociais e a participación cidadá. Por outra banda, este venres aprobouse o proxecto reformado do saneamento e abastecemento das localidades de Gontá e Goence no Concello de Palas de Rei, que non afecta ó presuposto inicial.