Deputación de Lugo

Grande éxito do expositor do CENTRAD na Grande Noite Galega de Barcelona

No evento participaron 1500 persoas entre as que se atopaba o Deputado de Medio Ambiente, Ricardo Parada

A presenza do expositor do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo na vixésimo sexta edición da Grande Noite de Galicia en Barcelona saldouse con grande éxito. Formado por un total de 25 pezas pertencentes a unha colección de cestería, foi o centro de atención das persoas que participaron nesta celebración que tivo lugar o 29 de febreiro na cidade catalana. Segundo a organización do evento, os asistentes amosaron un grande interese pola colección, chamándolles a atención os materiais, así como a procedencia dos mesmos. Co obxectivo de dar a coñecer a actividade do CENTRAD, tamén se repartiron todos os dípticos informativos que acompañaban a exposición do stand. A colección contén pezas de toda Galicia elaboradas con xuncos, baras, madeira e técnica mixta. Neste día, no que os cataláns exaltan a gastronomía, a cultura e o turismo de Galicia, participaron 1.500 persoas entre as que atopaban numerosos galegos residentes en Cataluña, así como destacadas personalidades de ámbalas dúas comunidades. É o caso do Deputado de Medio Ambiente, Ricardo Parada, o Presidente da Generalitat de Cataluña, José Montilla, o Diretor Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Rubén Lois González, o Presidente da Deputación de Barcelona, Celestino Corbacho ou o Vicepresidente da Deputación da Coruña, José Manuel Figueroa Vila. A celebración supón un xesto de irmanamento entre galegos e cataláns. A Grande Noite de Galicia desenvólvese na capital catalana desde o ano 1982. Esta edición contou tamén coa presenza da cantante do Incio, Lucía Pérez, quen interpretou tres temas do seu último disco. Como cada ano fíxose entrega de diversos galardóns, como a “Insignia Percebe de Ouro” en recoñecemento a aquelas persoas que contribuiron ó éxito da “Grande Noite de Galicia en Barcelona”, así como dos trofeos “Gran Percebe de Prata” e “Percebe de Ouro” para premiar a institución ou a persoa que máis se distinguise na promoción de Galicia tanto en España coma no extranxeiro.