Deputación de Lugo

A Área de Cultura da Deputación amplia o prazo de xustificación das axudas de actividades culturais para colectivos veciñais

A celebración da final da Copa Deputación enfronta ao Guitiriz e ao Outeiro de Rei no campo de Castro Riberas do Lea este domingo

A Área de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo levou á Xunta de Goberno de hoxe a proposta para a ampliación do prazo de xustificación das axudas recibidas polos colectivos veciñais a través dos plans de cooperación coas comunidades veciñais do ano 2007. Esta ampliación de prazo veu motivada por un incumprimento das bases, polo anterior goberno, á hora de conceder estas axudas. Unha vez comprobado dito incumprimento o novo goberno da Deputación decidiu paralizar de xeito preventivo a tramitación dos expedientes destas axudas. Unha vez examinadas e co ánimo de non facer un menoscabo dos dereitos dos veciños e veciñas das distintas comarcas que xa recibiran a concesión das axudas púxose en marcha a tramitación dos expedentes. Por este motivo moitos dos colectivos veciñais non xustificaron, a día de hoxe, debidamente a axuda que lles foi concedida. A xunta de goberno, a proposta do Responsable da Área de Cultura, resolveu conceder prorroga ata o vindeiro 31 de xullo para a rendición da conta xustificativa, de realización de actividades de animación, promoción, acción social e cultural, correspondente ao ano 2.007. Estas axudas que foran aprobadas o 6 de xullo de 2007 polo anterior goberno e que non foran revisadas pola mesa técnica, tal e como era preceptivo, ascendían a un total de 340.000 euros. Segundo o Responsable da Área de Cultura,Antonio Veiga, “temos a intención de darlles as máximas facilidades ás asociacións, que realmente fixeron actividade, para que poidan xustificar e percibir as axudas que en dereito lles corresponden e por eso ampliamos o prazo de xustificación”. COMENZA A FINAL DA COPA DEPUTACIÓN QUE ESTE ANO CELEBRA O 25 ANIVERSARIO Antonio Veiga como responsable da Área de Deportes anunciou, tamén, a celebración este domingo, ás 18:00 horas, da final da Copa Deputación de Fútbol, que este ano celebra o seu 25 aniversario. Este domingo xogarase no Campo de Fútbol de Castro Ribeiras de Lea a final entre os equipos de Guitiriz e Outeiro de Rei que foron os finalistas da fase disputada entre os equipos de preferente e 1ª autonómica. Nesta fase, da que foron finalistas os equipos de Guitiriz e Outeiro de Rei participaron un total de 20 equipos. A final da copa entre os finalistas de 2ª e 3ª autonómicas celebrarase o domingo 22 de xuño nesta fase participaron un total de 61 equipos de toda a provincia. No mes de agosto celebrarase a copa Deputación que o día 17 se disputará nunha final a tres entre o Clube Deportivo Lugo, o Lemos e o campión da final a disputar entre os equipos de preferente e 1ª autonómica. O día 24 de agosto celebrarase outro encontro desta Supercopa Deputación nunha final a tres entre os subcampión de de preferente e 1ª autonómica e o campión e subcampión de 2ª e 3ª autonómicas. A Área de Deportes da Deputación de Lugo organizará, durante este ano do 25 aniversario da Copa Deputación, unha chea de actividades que resalten esta data conmemorativa. Entre as actividades paralelas á competición celebraranse conferencias nas que participarán, entre outros, adestradores galegos de primeira división e xogadores da selección galega de fútbol. INCREMENTO NO ORZAMENTO DA COPA DEPUTACIÓN NA SÚA XXV EDICIÓN Segundo o responsable da Área de Deportes,Antonio Veiga, a Deputación incrementará a partida orzamentaria asignada a esta competición que este ano ascenderá a 80.000 € mentres que en pasadas edicións roldaba os 60.000 €. Segundo Veiga, a Área de Deportes realizará, neste ano do 25 aniversario da Copa Deputación, un esforzo encamiñado a facer desta competición un lugar de encontro atractivo para todos os clubes das distintas comarcas lucenses. O campión da Copa Deputación percibirá un total de 5.000 euros e o subcampión un total de 4.000 euros, ademáis todos os participantes percibirán 450 € por partido xogado. Veiga indicou que “a Copa Deputación debe servir de estímulo para que todos os equipos, independentemente da categoría na que militen, se sintan protagonistas e debe de contribuír a que os clubes que traballan no impulso do deporte de base dispoñan dun escenario axeitado para amosar o traballo que están a desenvolver”