Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a V Feira de Artesanía e Antigüidades da Pontenova, que reunirá a 60 expositores de toda España

A Vicepresidenta Segunda e o Concelleiro pontenovés Francisco Martínez presentaron en San Marcos o mercado, que se celebrará entre os días 9 e 11 de decembros na Praza dos Fornos e a Casa da Cultura da localidade mariñana Méndez subliñou que a institución provincial aumentará en 2012 hasta os 73.000 euros a partida de axudas destinadas a Concellos e asociacións que contribúan a conservar e promocionar a artesanía

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e o Concelleiro da Pontenova Francisco Martínez presentaron este venres no Pazo de San Marcos o programa da nova edición da Feira de Artesanía e Antigüidades do municipio mariñano, que se celebrará entre os días 9 e 11 de decembro, grazas á colaboración entre Concello e organismo provincial. Uns sesenta expositores de Galicia, Asturias, Castela León, Cataluña e Andalucía participarán no evento, que terá lugar baixo unha carpa na Praza dos Fornos e na Casa da Cultura. Tal e como subliñou Lara Méndez, a Deputación ten o compromiso de colaborar con este tipo de iniciativas, “que contribúen a impulsar a artesanía da nosa terra, un sector cada día máis competitivo, ó tempo que supoñen una inxección económica para Concellos, que teñen un papel fundamental na conservación das nosas actividades e oficios máis tradicionais”.

A institución provincial apoia e estimula unha serie de medidas que pretenden contribuír coa conservación e promoción da artesanía da provincia, non só directamente dende o propio organismo, senón tamén coa colaboración a través de axudas ós Concellos e asociacións lucenses a través do INLUDES que, en palabras de Méndez, aumentarán “en máis dun 5%, pasando dos 68.700 euros do 2011, ós case 73.000 que se destinarán o vindeiro ano”.

Celébrase en decembro por primeira vez

A feira organízase por primeira vez nestas datas, despois de vir celebrándose no mes de agosto. Francisco Martínez destacou que agardan que o cambio de data non impida repetir o éxito acadado na pasada edición, durante a que A Pontenova recibiu a visita de máis de 4.500 persoas chegadas dende diferentes puntos da provincia, así como de Asturias. Así mesmo, quixo agradecer ós organizadores das anteriores edicións “sen os que sería imposible ter chegado a esta quinta edición”.

A pesares da xuventude desta cita festiva, xa figura no calendario de interesados nos produtos do sector e tamén de profesionais do mesmo. Preto de 30 artesáns, procedentes de toda Galicia, 8 dos cales son de Lugo, Asturias e Salamanca, presentarán as súas creacións de cestaría, olería, carpintería, téxtil, xoiería, coiro, vidro, etc. Algún destes artesáns farán demostracións en vivo da súa habilidade no tear, na escultura en madeira, na forxa e na confección de bonecas de trapo. Todos os que desexen tomar nota das súas habilidades poderán achegarse ata os stands habilitados polo Concello dentro das instalacións da Casa da Cultura. Tamén haberá un oco para os expositores adicados a produtos gastronómicos representativos, como queixos asturianos, embutidos salmantinos ou pan da Pontenova.

Pola súa banda, outros tantos profesionais das antigüidades, procedentes de diferentes puntos de Galicia, Andalucía, Cataluña, Castela e Asturias, dos que preto do 30% son lucenses, ocuparán os expositores situados nunha carpa instalada na Praza dos Fornos. Boa mostra do éxito desta Feira é que máis de 10 profesionais, entre artesáns e anticuarios, interesados en participar nesta cita, terán que agardar a vindeiras edicións, xa que un ano máis as instalacións existentes non poden acoller máis participantes.