Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación anunciou a construción dun polígono industrial en Burela

Gómez Besteiro visitou oficialmente os Concellos da Pontenova e Burela

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este mércores ó norte da provincia para visitar oficialmente os Concellos da Pontenova e Burela. Gómez Besteiro, que estivo acompañado nesta visita pola Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, asegurou que “o organismo provincial considera clave a xeración de solo industrial en Burela co obxectivo de ir pechando os ciclos produtivos e de conseguir que o valor engadido que xenera o porto burelés se quede na nosa provincia”. O titular da Deputación asumiu ante o Alcalde desta localidade, Alfredo Llano García, o compromiso da construción dun polígono industrial na zona de Perdouro, “unha actuación que se verá complementada co anuncio feito pola Xunta de Galicia de construir unha vía de acceso desde a estrada xeral ata as dependencias portuarias”. O solo industrial é fundamental nun Concello que con 8,33 quilómetros cadrados é o segundo máis pequeño da provincia despois de Rábade. Neste senso, o rexedor burelés avogou porque este municipio se convirta nun referente na provincia. “Neste Concello conviven 45 comunidades distintas e temos unha densidade poboacional de 1.100 habitantes por quilómetro cadrado. Esto supón unha necesidade de servizos na que é fundamental a colaboración da Deputación”. No encontro que mantiveron o titular do organismo provincial e o mandatario municipal, tamén se falou de medio ambiente e da aposta do organismo provincial pola costa e as praias. Por outra banda, dixo que a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, desbloqueou coa Consellería de Medio Ambiente o problema que había coas obras da traída de auga a Cervo e Burela. Lara Méndez anunciou que os traballos retomaranse mañá. Despois da recepción na Casa Consistorial, os dou responsables provinciais e o mandatario local mantiveron un encontro no Porto con respresentantes da Asociación de Armadores de Burela. Recuperación do río Eo A restauración do río Eo ó seu paso pola Pontenova centrou a visita oficial do Presidente da Deputación a este municipio. José Ramón Gómez Besteiro presentou ó Alcalde, Darío Campos, o proxecto da Confederación Hidrográfica e da Deputación ó que se destinarán 6 millóns de euros, dos que o organismo provincial achega o 30%. Gómez Besteiro dixo que “non podiamos vir a Pontenova sen ter pechado este destacado proxecto que beneficia ó segundo río máis importante da provincia. A CHN e actual Deputación recuperan un convenio que xa foi asinado hai tres anos, pero que non se levara á práctica”. Asimesmo, o titular provincial avanzou que no prazo dun ano e medio a zona do río experimentará unha notable mellora e mesmo cambiará a faciana do Concello cunha nova ponte. Pola súa banda o rexedor da Pontenova amosou a súa satisfacción por esta visita institucional e porque “por fin se atende unha vella reivindicación deste Concello”. Darío Campos lembrou que este proxecto se completa cun paseo peonil pola marxe dereita do río, unha nova ponte para o tráfico rodado e unha pasarela metálica que substitúa á ponte existente na actualidade na zona da Casa do Concello. Campos tamén plantexou varias demandas relacionadas coa mellora en diversas vías provincias. Recepción Oficial O Presidente da Deputación e a Vicepresidenta Segunda foron recibidos na Casa Consistorial da Pontenova, un Concello do norte da provincia que conta cunha poboación de 2.971 habitantes e unha superficie de 136 quilómetros cadrados. Logo de saudar ós membros da Corporación e de asinar no Libro de Ouro procedeuse ó intercambio de agasallos. Gómez Besteiro entregou a Darío Campos unha bufanda de seda e unha peza de cerámica do Centro de Artesanía e Deseño, e recibiu do rexedor unha praca cunha reprodución dos fornos. No caso de Burela, o Alcalde agasallouno cunha peza de Sargadelos.