Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación preside a constitución do Consorcio Provincial de Bombeiros

Gómez Besteiro destacou “a rapidez de cruceiro coa que se traballou porque neste momento xa están 7 millóns de euros en execución”

O Conselleiro de Presidencia afirmou que “este Consorcio será un modelo para toda Galicia e un referente máis alá da nosa Comunidade” Na primeira reunión do Consorcio, que ten lugar só 6 días despois da súa aprobación polo Concello da Xunta, elexíronse os órganos reitores O Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento quedou constituído este mércores coa elección dos órganos reitores nunha reunión presidida polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro e o Conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Roumeu. Os dous responsables destacaron a extraordinaria rapidez coa que se materializou este compromiso co que se pon fin a unha das principais débedas históricas que tiña esta Deputación. Gómez Besteiro dixo que “se traballou con velocidade de cruceiro, e neste momento xa están e execución 7 millóns de euros”. O máximo responsable provincial lembrou que xa se adquiriron 5 bombas nodrizas por preto dun millón de euros e que a Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar a adquisición de vehículos e material por outros 3 millóns. Ademais, xa están en construción os parques de Chantada e Sarria, licitouse o de Vilaba e licitarase o de Viveiro no mes de marzo. En canto ó de Barreiros, está pendente de que o Concello conceda a licenza para que a continuación se poidan acometer as obras de acondicionamento. José Ramón Gómez Besteiro dixo que “esta é a definitiva e non hai volta atrás” e agradeceu ó Goberno presidido por Emilio Pérez Touriño que cumprise os dous principais compromisos asumidos coa Deputación en 2007: a creación do Consorcio de Bombeiros e a transferencia dos hospitais provinciais”. Pola súa banda, o Conselleiro de Presidencia asegurou que “Lugo deu un paso xigante e este Consorcio será un modelo para toda Galicia e un referente máis alá da nosa Comunidade”. Ademais, anunciou que nas vindeiras semanas se iniciará o proceso de selección e formación do persoal. Neste senso apuntou que cada parque terá entre 15 e 17 traballadores. José Ramón Gómez Besteiro e José Luis Méndez Romeu destacaron o ámbito provincial do Consocio, sen fronteiras localistas ou comarcais. Coa posta en marcha dos 5 parques contra incendios garantirase a resposta dos servizos de emerxencia en menos de 30 minutos para o 87% da poboación da provincia de Lugo, uns 311.967 habitantes. Ademais, o 68% será asistida en menos de 20 minutos. Órganos reitores Na primeira reunión do Consorcio, que tivo lugar no Pazo de San Marcos, tamén participaron a Directora Xeral de Protección Civil, Esther González Saavedra, o Subdirector Xeral de Calidade de Protección Civil, Iñaki Bergareche, o Delegado da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de Lugo, Luis Rodríguez Edrosa, e os Alcaldes de Barreiros, Alfonso Fuente, Viveiro, Melchor Rivas, Vilalba, Gerardo Criado, Chantada, Manuel Taboada, e Sarria, Claudio Garrido. O Consorcio Provincial de Bombeiros terá cinco órganos de goberno e xestión: o Pleno, a Comisión Executiva, a Presidencia, a Vicepresidencia e o Consello Asesor. O Pleno estará integrado polo Presidente da Deputación, que exercerá as funcións da presidencia, a Directora Xeral de Protección Civil, que exercerá a vicepresidencia, dous Deputados provinciais (Claudio Garrido e Antón Bao) dous membros designados pola Xunta (o Subdirector Xeral de Calidade e Protección Civil e o Delegado da Consellería de Presidencia) e os Alcaldes dos Concellos onde se estableza os parques de bombeiros. O Pleno encargarase, entre outros asuntos, de organizar o Consorcio e aprobar tanto os orzamentos e a memoria anual como o cadro de persoal ou os proxectos de obra e servizo. A Comisión Executiva aprobará os proxectos de orzamentos do cadro de persoal e de obras e servizos, que serán autorizados definitivamente polo Pleno. A Presidencia recae na Deputación e a Vicepresidencia na Consellería con competencias en protección civil. Finalmente, o Consello Asesor emitirá informes preceptivos sobre a memoria anual e as propostas de convenios e servirá de comité asesor, entre outras funcións. Débeda histórica saldada O Consorcio constituído este mércores salda unha das principais débedas históricas que arrastraba a Deputación de Lugo cando chegou o actual equipo de goberno. A atención das emerxencias dos habitantes da provincia foi un dos principais compromisos asumidos polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteir, na súa toma de posesión e xa é unha realidade un ano e medio despois. O financiamento, tanto da fase de construción e equipamento como da de funcionamento, corre a cargo da Xunta de Galicia e da Deputación ó 50%, segundo se expresa nos estatutos. Ámbalas dúas institucións achegarán un total de 9 millóns de euros en investimentos inciais-para construción de parques e equipamento-e 3,5 de euros cada ano para o mantemento.