Deputación de Lugo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación brindou o apoio da institución provincial a “Cantar Delas”

Imaxe deputación de lugo
Lara Méndez amadriñou o debut da Asociación luguesa que ofreceu un repertorio baseado na música culta desde o século X

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, amadriñou o primeiro concerto da Asociación Cultural “Cantar Delas” que se celebrou na Igrexa Parroquial de San Pedro de Lugo. Trátase do primeiro recital da Asociación luguesa de recente creación presidida por Julio Méndez Menéndez de Llano. O concerto deu comezo ás 20:30 horas. O coro “Cantar Delas” está dirixido por Fernando González Jácome e integrado por 34 vocalistas femininas con idades comprendidas entre os 13 e os 63 anos. As compoñentes do coro ensaiaron durante estes meses para ofrecer o primeiro concerto, que consistíu nun percorrido pola música culta, desde o século X ata o XXI. O coro estivo acompañado pola pianista Carmen Prendes Veiga. Lara Méndez amosou a súa satisfacción por ser a madriña do début da Asociación luguesa ó tempo que valorou o esforzo realizado polas integrantes. Deste xeito, o repertorio incliu pezas tradicionais do Códice Calixtino, de Johann Sebastian Bach, Mozart, William Byrd e mesmo outras máis recentes como “Do mar pola orela” do pianista pontevedrés Julio Domínguez. Este Concerto foi o primeiro dos que a Asociación ofrecerá este ano. INTERVENCIÓN LARA MÉNDEZ Presidente da Asociación, membros do Coro, señores e señoras, boas tardes a todos e a todas: É para min un pracer ser a madriña do primeiro concerto que ofrece a Asociación “Cantar delas” desde a súa creación. Sen dúbida, é un motivo de dobre satisfacción porque para a Deputación de Lugo sempre é unha honra apoiar e colaborar con este tipo de iniciativas que contribúen a poñer valor a actividade da provincia e, segundo, xa desde o punto de vista personal, porque eu sempre estiven ligada e vinculada coa música. Durante 19 anos formei parte do grupo de baile Mistura e durante outros 9 impartín clase no grupo Nova Semente de Celeiro, por tanto, reitero a miña satisfacción por ser convidada a este acto. Teño entendido que é o voso primeiro concerto para o que levades ensaiando varios meses. Hoxe, por fin, teredes a recompensa a tanto esforzo realizado durante este tempo. Sodes unha Asociación de recente creación ó igual que o novo equipo de goberno da Deputación, polo que de seguro coincidirán conmigo en afirmar que ó final as horas de sacrificio merecen a pena cando se busca o ben común dos cidadáns ou o éxito do grupo, como é neste caso. A suma de esforzos para mellorar a calidade da provincia é algo que temos moi claro na Deputación. Hai uns meses que collemos as rendas do goberno. Ata o de agora foron días de arduo traballo nos que xa se puxeron en marcha varios proxectos que beneficiarán ós 67 Concellos da provincia. Deste xeito, como Deputación, o noso cometido non debe ser outro que levar a cabo políticas de actuación que permitan o desenvolvemento económico e social de cada un dos municipios que conforman a provincia de Lugo. Aproveito a ocasión para resaltar unha circunstancia que me chamou a atención. Este coro está composto por 34 integrantes que, ademais de ser todas mulleres, contan con con idades que oscilan entre os 13 e os 62 anos, unha diferencia que sen embargo non supón un impedimento para que o coro funcione. Por iso, quero dar a noraboa ós responsables, xa que saber conxugar diferentes xeracións e estilos non ten que ser unha tarefa sinxela. Por este motivo estou convencida de que a actuación de hoxe, na que se fará un percorrido pola música culta desde o século X ata o XXI, será todo un éxito. Reitero a miña noraboa e como madriña quedo á enteira disposición para o que “Cantar delas” poida necesitar! Moitas grazas!!!!