Deputación de Lugo

A triatleta lucense, Aida Valiño, foi recibida
polo Vicepresidente Primeiro da Deputación

A triatleta lucense, Aida Valiño, foi recibida

A triatleta galega Aida Valiño foi recibida esta mañá na Deputación de Lugo. Aida Valiño mantivo unha xuntanza co Vicepresidente Primeiro da Deputación,Antón Bao, e co Responsable da Área de Deportes, Antonio Veiga. Aida Valiño visitou a Deputación de Lugo tras alzarse o pasado mes de maio, na cidade grega de Alexandrúpoli, co título de subcampiona de Europa sub-23 de duatlón. O Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao, destacou o papel de deportistas que, como Aida Valiño, acadan importantes triunfos a nivel mundial coa bandeira galega como sinal de identidade Bao subliñou a importancia de ter no deporte galego referentes femininos para os máis novos que “son un exemplo a seguir polas rapazas e rapaces que comezan na práctica deporte”. Antón Bao engadiu, a este respecto, que “dende as responsabilidades que temos no goberno da Deputación de Lugo imos a apoiar todas aqueles proxectos deportivos que aposten polo deporte feminino, polo deporte de integración e polo deporte de base”. Aida Valiño naceu o 23 de xuño de 1987 en Castroverde e é unha das triatletas galegas máis importantes. Integrou a primeira selección galega deste deporte, que debutou internacionalmente na Copa de Europa de Estoril, en 2006. Conformaban o equipo Alberte Trillo, Xavier Gómez Noya e Saleta Castro. Tamén participou na Copa de Europa de Alexandrúpoli (Grecia) donde acadou a medalla de prata na categoría sub-23. En triatlón milita no clube Fluvial de Lugo, como nadadora no Portamiña e como ciclista, no Spol Caixanova. Tamén venceu a travesía a nado da Ría de Vigo, na súa edición de 2006. A día de hoxe, Aida Valiño, entrena no Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.