Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación recibiu á Cónsul de Arxentina para o Noroeste de España

Gómez Besteiro e Georgina Bortolotto mantiveron unha xuntanza no despacho do Presidente

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este venres á Cónsul de Arxentina para o Noroeste de España, Georgina Bortolotto. Gómez Besteiro e Bortolotto mantiveron unha xuntanza no despacho do Presidente, no que a responsable do Consulado arxentino aproveitou a ocasión para presentarse oficialmente ante o máximo mandatario provincial e poñelo ó tanto da actividade do Consulado e a problemática da comunidade arxentina. Pola súa banda, o titular provincial explicoulle as principais liñas de actuación do novo equipo de goberno da Deputación. Bortolotto leva 22 anos de carreira diplomática. Desde xullo de 2005 é Cónsul Xeral Adxunto da República Arxentina en Vigo. Desde 2007, coa xubilación do seu antecesor no cargo, quedouse ó frente do organismo que presta servizos a todos os arxentinos que na actualidade viven en Galicia, Asturias, Cantabria, León e Zamora. Malia que a responsable arxentina xa estivo noutras ocasións en Lugo, esta foi a primeira vez que o fixo co Consulado itinerante. Como lembranza da visita, José Ramón Gómez Besteiro, fíxolle entrega dun xogo de pendentes e anel da colección Avantcraft, creada polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo.