Deputación de Lugo

Gómez Besteiro ratifica que o medio ambiente e unha oportunidade económica e de emprego

Gómez Besteiro e o director da UNED presentaron o simposio “Recursos Enerxéticos da Biomasa e do Vento” que se celebrará mañá e pasado no edificio do Forcam

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do Director do Centro Asociado da UNED de Lugo, José Luis Prieto Arroyo, presentaron este mércores o simposio “Recursos Enerxéticos da Biomasa e do Vento” que se desenvolverá no Salón de Actos do edificio Forcam os días 7 e 8 de maio. Gómez Besteiro destacou que “nestas xornadas tamén se vai falar do medio ambiente desde o punto de vista económico e da potencialidade que ten esta provincia neste eido. Temos que ser capaces de entender e valorar esta riqueza. Ata fai ben pouco o medio ambiente nin era un factor estratéxico para esta Deputación e moito menos unha oportunidade económica e creadora de emprego. Sen embargo, hoxe forma parte da súa columna vertebral xunto co emprego e as novas tecnoloxías”. O titular provincial subliñou que contamos cunha provincia única, que ten 10.000 quilómetros cadrados de superficie que están avalados polas tres Reservas da Biosfera declaradas pola UNESCO que ocupan o 55% do territorio. Esta riqueza medioambiental centrou a reorientación das políticas da Deputación, o que fixo posible captar máis de 20 millóns de euros da Unión Europea, e poñer en marcha proxectos como Lug02, dotado con 5 millóns de euros e destinado a impulsar os espazos naturais da provincia para converter o medio ambiente nunha oportunidade económica. O Presidente da Deputación lembrou que este proxecto “ten unha vocación 100% medioambiental, xa que o medio ambiente ten que ser rendible, non é só protección senón unha fonte xeradora de riqueza e de máis emprego”. Asimesmo, Gómez Besteiro destacou que a institución provincial está embarcada tamén na posta en marcha da Oficina provincial de Eficiencia Enerxética, “coa que imos prestar unha boa labor ós Concellos. Queremos que a iniciativa pública e privada converxan para xerar máis enerxía ó tempo que aforramos a que temos”. Alto nivel do Simposio Durante o xoves e o venres o Centro de Universidade a Distancia lugués converterase no marco para o coñecemento e o debate en torno ás propostas científico-tecnolóxicas e sociais que poden contribuír a un desenvolvemento enerxético sostible nos sectores das enerxías renovables. “Para a Deputación é unha satisfacción colaborar con iniciativas como a que hoxe presentamos. Sempre que un vén a este Centro e ve a palabra UNED na porta lembro canto tempo se tardou en conseguir isto e como ó final, se hai vontade política, as cousas son posibles”. Distintos especialistas debatirán sobre o estado actual e o futuro das enerxías renovables, así como a Directiva Europea que as regula. O director da UNED subliñou que “el Centro Asociado asumió el compromiso de contribuir al desarrollo tanto económico y social de la provincia. Nos hemos marcado varias líneas y una de ellas es la medioambiental vinculada a la energía, ya que uno de los pilares del progreso es el desarrollo energético”. Entre os aspectos máis destacados das xornadas destaca que, por primeira vez, presentarase unha nova tecnoloxía baseada na colocación de xeradores de conversión ciclónica. Asimesmo, tamén será obxecto de debate a tecnoloxía de caldeiras bioblock. A Deputación tamén estará presente nestas xornadas, nas que técnicos de Lug02 explicarán máis polo miúdo as principais liñas de actuación deste proxecto europeo.