Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo abre á cidadanía a Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais

A institución provincial destina 332.000 euros á elaboración do documento que inclúe información sobre os 2.723 núcleos de poboación da provincia de Lugo

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do profesor encargado do proxecto e Director do Sistema de Información Territorial da Universidade de Santiago de Compostela (SIT), Rafael Crecente, e do Subdelegado do Goberno en Lugo, Jesús Otero, como representante do Ministerio de Administracións Públicas (MAP), presentaron este luns a Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL) da Deputación de Lugo. O documento contén información sobre os 2.723 núcleos de poboación da provincia. Trátase dun instrumento básico de análise e valoración das necesidades de dotacións locais para efectos de cooperación económica local do Estado, elaborada segundo o método común para as Deputacións provinciais establecida polo MAP. No acto, no que tamén estiveron presentes o Xerente Territorial do Catastro e Delegado de Economía e Facenda, Luis Fernando López Jácome, o Delegado Provincial do Instituto Nacional de Estatística, José Manuel Colmenero, e o Delegado Provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte, Daniel Núñez, Gómez Besteiro destacou que “hoxe é un día importante para a Deputación porque presentamos unha arma útil que no pasado estivo vencellado ós Plans Operativos Locais e que será un instrumento eficaz de cara ó futuro, xa que contén información de gran importancia para os Concellos”. Desde o ano 1985 o Ministerio de Administracións Públicas traballa coas Deputacións na elaboración destas enquisas de gran importancia para os Concellos. No ano 2000 a institución provincial e a Universidade de Santiago de Compostela asinaron un convenio para a creación deste instrumento, elaborando un inventario detallado das infraestruturas e equipamentos locais dos 66 Concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, pero que “estivo metido nun caixón”. Neste senso, o titular da Deputación subliñou que “agora presentámola en sociedade para que todo o mundo teña acceso. Ademais, poderá consultarse na páxina web da Deputación”. Gómez Besteiro explicou que “o primeiro que fixemos foi remitirlles unha copia ós Alcaldes e Alcaldesas da provincia para que a utilizasen para os respectivos Concellos. A enquisa permitiralles, entre outras cuestión, elaborar un documento de diagnose nos respectivos Plan Xerais de Ordenación Municipal”. Custe 0 para os Concellos A Deputación de Lugo destina 332.000 euros para a súa ampliación, fronte ós 19.000 aportados en 2007. Gómez Besteiro indicou que “a información ten un custe 0 para os Concellos, xa que supón un gran esforzo orzamentario que por eles mesmos non serían capaces de asumir”. Deste xeito, o máximo mandatario provincial explicou que “multiplicamos por quince a cantidade que aportou a Deputación en 2007. Máis de 50 millóns das antigas pesetas que nos permiten mellorar a cantidade e a calidade da información, así como adaptarnos á normativa europea Inspire que obriga ás administracións a ofrecer esta información de ámbito territorial”. Na súa elaboración colaboraron a Deputación de Lugo, a USC e o Ministerio de Administracións Públicas. Gómez Besteiro sinalou que se trata “dun fito histórico que demostra o vencellamento entre a Deputación e a Universidade de Santiago de Compostela, e nese senso temos que sentirnos orgullosos de que estea a dar bos frutos”. En total, participaron 70 persoas, entre as que se atopan 5 profesores, que forman parte do grupo de investigación do IBADER (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural ó cal tamén pertence o INLUDES) e do SIT (Sistema de Información Territorial da USC). A actualización e mantemento será efectuada polas entidades que participan na súa elaboración, correspondendo ó MAP o seguemento destas tarefas e a colaboración económica nelas. Contidos da EIEL A EIEL está elaborada segundo o modelo de datos do MAP. Como novidade inclúe por primeira vez ortofotos, mapas fotográficos elaborado con fotografías aéreas. Segundo a distribución do Ministerio, a información divídese en: 1. Infraestruturas: estradas, abastecemento e saneamento de auga, recollida e eliminación de residuos urbanos. 2. Equipamentos: instalacións deportivas, centros culturasis, centros educativos, sanitarios, etc. 3. Poboamentos por cada entidade de poboación. 4. Información demográfica, planeamento urbanístico a nivel municipal e novas tecnoloxías.