Deputación de Lugo

Chantada protagonista da primeira etapa da “I Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo-G.P. Deputación”

18 equipos punteiros disputarán desde máñá tres etapas en terras luguesas

O lugués Hotel Santiago acolleu onte a inscripción oficial dos 18 equipos que participarán dende mañá e ata o domingo na primeira edición da “I Volta Ciclista as Comarcas de Lugo-Gran Premio Deputación”. O evento está organizado polo Clube Ciclista Cidade de Lugo, contando co patrocinio da Deputación de Lugo –a través da Vicepresidencia Primeira e a Delegación de Deportes-, da Fundación Deporte Galego, do Xacobeo e o concesionario Skoda-Ceao Motor. A lista de apoios complétase coa colaboración cos concellos que acollerán as etapas, como son Chantada, Lugo e Burela, así como a Federación Galega de Ciclismo, o Museo Provincial de Lugo e Coca Cola. Seguidamente, tivo lugar a Reunión de Directores Deportivos para ultimar detalles de cara ó comezo da proba, mañá, a partir das 15:00 horas, coa disputa da etapa inaugural, con saída e Chegada en Chantada. Será para os ciclistas a toma inicial de contacto dunha proba que xa comeza con tódolos ingredientes, ou o que é o mesmo, cun trazado que ten de todo e no que destaca a presenza de catro portos puntuables nos seus 141 kilómetros de percorrido. O primeiro alto (Hospital-3ª categoría) está situado no km. 32, ó que seguirán tres altos de segunda categoría, o de Paradela (km. 55), Oural (km. 82) e S. Pedro de Líncora (km. 137,8), éste xa moi preto da liña de meta. As metas voantes da primeira xornada estarán en Sarria (km. 71,5) e Monforte (km. 105,7). Facer historia En defintiva, un trazado selectivo no que xa comezarán a marcar diferenzas de tempo os que veñan con intención de levarse a proba e entrar na historia da ronda luguesa como primeiro vencedor da mesma. Definir candidatos entre os 126 ciclistas participantes non é doado, xa que o nivel do pelotón está fora de toda dúbida, Avalan esta afirmación o feito de que entre os participantes figuren catro das escuadras punteiras de Portugal, como é o caso do Credito Agrícola Pombal, o Maia, o LA Trevomar e o Santa María da Feira-E. Leclerc. A estos hai que engadir tamén a presenza de equipos de alto nivel chegados de diferentes puntos de España, tal é o caso Sanse Spiuk, o Saunier Duval, o UPV Bancaja, o Roper-Ferroatlántica, o Diputación de León ou o PC Manzanillo-Construcciones Paulino. Non menos importante é a presenza da escuadra francesa Lescar Velo Sprint ou a italiana Palazzago Grogolin Solaris. Completan a lista de 18 equipos participantes os conxuntos galegos Cymasa (A Coruña), Chint Autronic (Vigo), Caixanova (O Porriño), Frisonoble (Cambre) e Supermercados Froiz (Poio), éste último recente gañador da santiaguesa Volta da Ascensión, disputada recentemente. A Volta na rede Entre os aspectos salientables da “I Volta ás comarcas de Lugo-Gran Premio Deputación”, cabe salientar a posibilidade de achegarse á información da proba a través de Internet. Concretamente na web www.voltaascomarcasdelugo.com. Un espazo informativo onde se poderán ver e descargar os trazados da proba, a relación de equipos, as imaxes da Volta ou as clasificacións de cada xornada xunto coas crónicas das mesmas.