Deputación de Lugo

A MOSTRA NOVAS FORMAS DE MIRAR O ÁLBUM ILUSTRADO INAUGUROUSE HOXE NA SALA DE EXPOSICIÓNS DA DEPUTACIÓN

A presentación da Editorial OQO achéganos ao álbum ilustrado para nenos e nenas

Esta exposición permanecerá aberta, desde o 27de novembro ao 19 de decembro. Nesta mostra o Álbum Ilustrado como obxecto artístico que se pendura constitúe a materia prima que conforma os deseños planos ou tridimensionais. O libro é o centro, as ilustracións e os textos usados para crear o libro son a coreografía; así, a presenza do libro provoca unha tensión inquietante no espectador porque se sitúa no mesmo plano de visión que o elemento referente ao libro que se expón, participa dunha forma determinada ou acompaña algún elemento ao que se fai referencia no texto ou na imaxe. A mostra que foi inaugurada polo Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao, é un percorrido que nos achega ao Álbum Ilustrado enfrontándose a unha marea de títulos que plantexan abertamente o diálogo texto-ilustración -con prevalencia da imaxe sobre o texto na dobre páxina-, e de autores que se presentan a un público -sobre todo infantil- capaz de consumir ese produto artístico, de afondar perceptivamente nese diálogo que se dá nun Álbum Ilustrado. Desde sempre, o libro ilustrado, tómase como punto de partida para a celebración dunha exposición, pero case sempre o resultado final destas exposicións é unha homenaxe ao propio álbum. A proposta, ten como punto de partida o álbum ilustrado pero tamén, como punto final. É dicir o álbum ilustrado como obxecto é o que conforma toda a exposición, é o que se colga e ao mesmo tempo é a materia prima “libro obxecto” coa que se conforman formas planas ou tridimensionais, tomando así todo o seu valor artístico. Ao entrar como tal obxecto dentro dun santuario da arte como é un museo, o libro é o centro, todo o demais, ilustracións, debuxos, fotografías, obxectos, texto, utilizados para a creación do libro son a coreografía coa que se complementa a exposición. Os ilustradores expresan con liberdade formas, cromatismos, técnicas… coas que constrúen os seus mundos fantásticos; por tanto, resulta estimulante coñecer esas formas contemporáneas de expresión artística que, en forma de Álbum Ilustrado, hoxe é posible gozar e que chaman a atención dun espectador condicionado por unha contemplación posmoderna que o obriga a forzar a mirada, a activar a súa sensibilidade para dialogar nunha perspectiva diferente… Esas novas formas artísticas obrigan entón a plantexar un novo concepto expositivo do Álbum Ilustrado. A solución pasa por indagar no libro mesmo e nos seus contidos formais, plásticos, literarios, estéticos… para propoñer unha “performance” que permita o espectador dialogar coa obra e co seu soporte, que se converte en obxecto artístico pleno en diálogo cun contexto tridimensional na concepción posmoderna dun produto capaz de combinar novas formas de expresión artística. Esta proposta achega esa perspectiva tridimensional que como obxecto artístico ten o libro, que se constrúe a partir das súas liñas básicas, formais e estéticas. O libro, transformado artísticamente en obxecto plurisignificativo, provoca e estimula o espectador que se achega a un encontro esteticista e plurisensorial.