Deputación de Lugo

O PROGRAMA CULTURA SOBRE RODAS AMOSOULLES AOS RAPACES DE VILALBA OS SEGREDOS QUE PODE AGACHAR UNHA CICLIBIBLIOTECA

O responsable da Área de Cultura da Deputación comprobou o éxito que está a acadar esta actividade lúdico-eductiva entre os rapaces dos concellos de Lugo

Os nenos e nenas que participen en Cultura sobre Rodas crearán un conto viaxeiro O responsable da Área de Cultura da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, disfrutou cos nenos e nenas de Vilalba da actividade protagonizada polo contacontos Anxo Moure. Esta actividade que leva por título Cultura sobre rodas é un proxecto de eco-cultura, unha aposta lúdico-pedagóxica de animación á lectura que vai dirixido ás familias e aos nenos e nenas máis pequenos. Este proxecto pretende unha aposta pola cultura como desenvolvemento sostible, un proxecto de sensibilización sobre o mundo natural amosando alternativas de transporte ecolóxico. Cultura sobre Rodas utiliza para desplazar os contos de Anxo Moure, polos Concellos de Lugo, unha ciclobiblioteca. Este aparello deseñado para espallar a cultura dun xeito ecolóxico é o centro de atención dos participantes nesta actividade programada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo. A ciclobiblioteca transporta un bo feixe de libros que transmite aos máis pequenos as historias que os achegarán ao respecto polo seu entorno e, ao mesmo tempo, é o medio de transporte que achega esta actividade ás comarcas de Lugo. Antonio Veiga informou que está actividade está a percorrer, con gran éxito, os 67 concellos de Lugo desde o 15 de xullo até o 15 de setembro. Segundo o responsable da Área de Cultura da Deputación “para nos é unha responsabilidade transmitir aos máis novos o respecto pola natureza e acreditamos que esta actividade cumpre con este obxectivo dende o divertimento e cunha posta en escea dinámica que, sen dúbida, resulta atractiva para pequenos e maiores”. Cultura sobre Rodas promove hábitos de lectura no tempo de lecer , educando sobre o coidado do medio natural e divulgando o patrimonio cultural e medioambiental da provincia de Lugo. O proxecto presenta unha novidosa forma de transporte, a ciclobiblioteca, que percorrerá todos os concellos da provincia instalándoa en espazos públicos cargada de libros sobre medio ambiente, cultura popular…que serán acompañados por sesións de contacontos, obradoiros de árbores atrapadoras de contos, paseos lectores… UN CONTO VIAXEIRO PERCORRERÁ OS DIFERENTES CONCELLOS Os verdadeiros protagonitas da actividade son os nenos e nenas que participarán nas contadas que se van levar a cabo desde a área de Cultura da Deputación. O proxecto cultura sobre rodas é un proxecto participativo, onde todos e cada un dos nenos e nenas que participen na actividade poderán escribir, debuxar ou plasmar a súa imaxinación nun caderno de viaxe que acompañará a todos os participantes da actividade; un conto viaxeiro que será pensado, imaxinado e debuxado polos propios cativos que asistan á contada. APOSTA POLOS PROXECTOS CULTURAIS PROPIOS Desde a Área de cultura da deputación de Lugo preténdense mobilizar os recursos culturais propios da provincia de Lugo; protexer, potenciar e dar a coñecer as actividades que levan a cabo as diferentes asociacións que levan a cabo actividades culturais na provincia de Lugo. Este proxecto Cultura sobre rodas é da autoría da Asociación Cultural Lar dos Contos de Chantada.