Deputación de Lugo

O director de cine José Luis Cuerda inaugura o curso da Escola de Imaxe e Son de Lugo

O Presidente da Fundación TIC e da Deputación anuncia “un xiro na TIC e o reforzamento de persoal e medios técnicos”

Gómez Besteiro dixo que a presenza de Cuerda no inicio do curso reflicte “a nosa aposta pola formación de calidade” O Presidente da Fundación TIC de Lugo e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou oficialmente este venres o curso 2008/2009 da Escola de Imaxe e Son de Lugo, nun acto no que estivo acompañado polo director de cine José Luis Cuerda e o presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia e Secretario Xeral de Comunicación, Fernando Salgado. Gómez Besteiro agradeceu a presenza de José Luis Cuerda porque “para nós é unha honra contar no comezo de curso cun director, produtor e guionista do nivel de Cuerda que, ademais, está de plena actualidade con Los girasoles ciegos, a película elexida pola Academia de Cine para representar a España nos Oscar”. O titular da Deputación sinalou “que coa participación dun cineasta do prestixio e brilante traxectoria de Cuerda pretendemos amosar a aposta que desde Fundación TIC facemos pola formación de calidade. Queremos que da Escola de Imaxe e Son de Lugo saian os mellores profesionais de Galicia, e estamos a traballar para darlle un xiro á TIC co obxectivo de que acade unha proxección non só local e provincial, senón tamén autonómica”. Neste senso, anunciou que “reforzaremos a TIC con máis persoas e dotarémola dos últimos medios técnicos”. No acto inugural, ó que asistirion alumnos, profesores, pais de alumnos e público en xeral, o Presidente da Fundación subliñou a relación de Cuerda con Galicia. “Aquí rodou algunhas das súas películas máis destacadas. Ser ir máis lonxe Los Girasoles ciegos está ambientada en Ourense, e na nosa comunidade tamén rodou El bosque animado e La lengua de las mariposas”. Tamén lembrou a súa faceta como docente e dixo que “ademais de ser un director con talento, sabe ver o talento nos demais, como foi o caso de Alejandro Amenábar”. Conferencia inaugural Na súa intervención, José Luis Cuerda transmitiu ós alumnos que están a completar ou comezar a súa formación, a visión sobre a situación actual da industria cinematográfica. Cuerda fixo especial fincapé na experiencia da rodaxe de Los girasoles ciegos en Ourense, así como no papel que xoga a sociedade SempreCinema, promovida polo Consorcio Audiovisual de Galicia, na promoción e activación do sector audiovisual galego. Los girasoles ciegos é a primeira das tres películas realizadas en Galicia por Cuerda que conta cunha clara e importante participación económica galega a través de SempreCinema. A día de hoxe, o filme supera os 3.200.000 euros recadados, converténdose na cuarta produción española de maior recadación deste ano. Ademais, suma xa 550.000 espectadores e está presente en máis de 170 salas de toda España. Consolidación de SempreCinema Pola súa banda, o presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia subliñou que con José Luis Cuerda e SempreCinema “o audiovisual galego dá un salto adiante, colócase á vangarda do cine español e reforza a súa proxección internacional”. Fernando Salgado valorou o traballo levado a cabo polo cineasta José Luis Cuerda e indicou que“se Alejandro Amenábar conseguiu que unha historia, un territorio e unha cultura como a galega viaxasen por todo o mundo con Mar adentro, é agora José Luis Cuerda o que nos pon de novo ás portas dos Oscar e a Galicia como protagonista”. O responsable de comunicación do Goberno galego explicou que se trata dun filme, rodado en varias localizacións de Ourense, no que participa o Goberno galego e Caixa Galicia a través da sociedade SempreCinema. Un proxecto que, tal e como destacou, “se consolida como unha iniciativa público-privada para o financiamento do cine, recoñecida internacionalmente de entre as máis importantes que existen en Europa nestes momentos”. Nos próximos meses SempreCinema volverá estar presente no apoio á produción cinematográfica galega coa estrea de Los muertos van de prisa de Ángel de la Cruz, filme rodado no municipio lugués de Ribadeo. Escola de Imaxe e Son de Lugo A Escola de Imaxe e Son de Lugo, promovida pola Deputación e xestionada pola Fundación TIC, imparte ensinanzas de formación profesional da familia profesional de Comunicación, imaxe e son, e ofrece estudos do Ciclo Superior de Produción de audiovisuais, radio e espectáculos e do Ciclo Superior de Realización de audiovisuais e espectáculos. Ademais da EIS, a Fundación dispón dun Centro de Produción de Programas cos instalacións profesionais para o desenvolvemento das prácticas docentes e produción de contidos audiovisuais.