Deputación de Lugo

O Padroado aproba por unanimidade a extinción da Fundación TOR

Imaxe deputación de lugo
Segundo o acordo, a Deputación queda en disposición de recuperar a titularidade dos terreos de xeito que estes queden rexistrados ó seu nome

A reunión próducese tralas reiteradas peticións do Presidente ó Conselleiro de Medio Rural e logo de que todos os membros da Corporación provincial, incluído o Partido Popular, aprobase o expedente para iniciar o proceso de disolución Por primeira vez Samuel Juárez acude a unha xuntanza do Padroado, xa que nas tres anteriores eludiu a súa responsabilidade Gómez Besteiro subliña que “a Deputación séntese capaz de continuar cos seus propios medios coa actividade do Centro, englobada dentro das actuacións medioambientais, culturais e de ocio da propia institución” O Padroado da Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia, do que forman parte a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural, e a Deputación de Lugo aprobou este venres, por unanimidade, iniciar a extinción desta entidade, de tal xeito que o organismo provincial recuperará a titularidade dos terreos, quedando rexistrados ó seu nome e non ó da Fundación. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou a vontade decidida por parte das dúas administracións para extinguir a Fundación. “Foi un acordo unánime e é o desencadeante de todos os feitos que xurdiron ata o de agora. É unha noticia boa que dúas administracións acorden isto de forma razoable para buscar a eficiencia. Isto sérvenos para asumir o futuro con fondos da Deputación e para vindeiras programacións orzamentarias”. Neste senso, Gómez Besteiro sinalou que a institución provincial vai máis alá da propia extinción, “xa que a Deputación séntese capaz cos seus propios medios, tanto técnicos como humanos, de continuar coa actividade do Centro; actividade que se engloba dentro das actuacións medioambientais, culturais e de ocio da propia institución”. Deste xeito, a partir de agora iníciase un proceso técnico e reglado para crear unha comisión liquidadora de bens, na que se especifiquen as cantidades aportadas por cada administración. Esta comisión, que estará formada por un representante de cada institución, deberá facer unha proposta que terá que ser ratificada polo protectorado -que neste caso é a Consellería de Medio Rural- e, logo, polo Padroado. Unha vez rematado este proceso o organismo provincial poderá levar a cabo os proxectos que ten para estas instalacións e que están relaciondas coa actividade cinexética e piscícola. 4ª reunión do Padroado Esta é a cuarta reunión do Padroado e a primeira que conta coa presenza do Conselleiro de Medio Rural, xa que nas tres anteriores este eludiu a súa responsabilidade. Neste caso, a xuntanza prodúcese logo de que a Corporación provincial acordase no Pleno, tamén por unanimidade, a proposta do equipo de goberno para iniciar o expedente de extinción da Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia, así como dar conta deste acordo ó Padroado para que, seguindo a lexislación vixente, lle dese a correspondente tramitación. Logo da falta de compromiso da Xunta de Galicia diante o acordo plenario e na busca da máxima transparencia, Gómez Besteiro solicitoulle por escrito a Samuel Juárez ata en dúas ocasións, o 9 de marzo e o 31 dese mesmo mes, a necesidade de fixar unha data para iniciar o proceso de extinción. O responsable do departamento autonómico recoñeceu que “dende a Xunta non precisamos dispoñer de Fundacións coma esta para levar a cabo os fins que se perseguen dentro da planificación que temos. A implicación da Xunta de Galicia coa Fundación foi practicamente nula, polo que é natural que tiveramos que adoptar esta posición”. Ademais, do máximo mandatario provincial e do Conselleiro de Medio Rural, na reunión tamén participaron o Director Xeral de Conservación da Natureza e o Xefe Territorial autonómico, Ricardo García e Ramón Carballo, ademais dos Deputados de Gandeiría e de Urbanismo, José María Arias e Miguel Angel Sotuela, e do Secretario Xeral Adxunto, José Mourelle Cillero – todos membros do Padroado-. Asimesmo, tanto o Director Xeral como o Conselleiro aceptaron o seu cargo como vogal e Presidente da Fundación, xa que ata o de agora aínda non o fixeran.