Deputación de Lugo

Gómez Besteiro supervisa obras en Castro de Rei nas que a Deputación inviste preto de 2 M€

Imaxe deputación de lugo
A Deputación acondiciona dous treitos da estrada provincial de Feira do Monte a Castro e mellora a comunicación do polígono de Begonte coa construción dunha rotonda por valor de 821.907 euros

O titular provincial anuncia que o organismo que preside mellorará un treito de 1 quilómetro da estrada provincial de Couto de A e o acceso ó Castro de Viladonga Gómez Besteiro subraia que “Castro de Rei vai ser un Concello de referencia polo Centro de Recría que construiremos na Granxa Gayoso-Castro” e agarda que “Núñez Feijoo, como bo xestor que é, cumpra coa súa promesa para transformar o Hospital de San Rafael nun centro na atención psiquiátrica na provincia” O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Alcalde, Juan José Díaz Valiño, supervisou varias obras que a Deputación está a acometer no Concello de Castro de Rei por valor de 1.812.971 euros. Gómez Besteiro comprobou in situ un dos treitos da estrada provincial CP 1706 de Feira do Monte a Castro que foi acondicionado pola institución provincial. Concretamente, a Deputación realizou obras de mellora no treito que vai desde o punto quilométrico 0,000 ó 2,700. Asimesmo, o titular provincial anunciou que en quince días quedarán rematados os traballos de mellora e saneo que se están a executar no treito que vai desde o punto quilométrico 8,650 ó 11,850 pertencente ó mesmo vial. A Deputación tamén executou unha glorieta elíptica nesta mesma estrada para favorecer o acceso ó polígono de Begonte e mellorar a comunicación da área industrial coa N-VI. Trátase dunha obra que comprometera o Presidente na súa viaxe realizada o 6 de xullo a este Concello, onde visitara os traballos de acondicionamento dos accesos a esta área industrial que está a desenvolver a Sociedade Urbanística Provincial. Neste senso, Gómez Besteiro destacou a calidade material coa que se executaron os traballos ó tempo que sinalou que “Castro de Rei vai ser un Concello de referencia polo Centro de Recría que construiremos na Granxa Gayoso-Castro” e agarda que “Núñez Feijoo, como bo xestor que é, cumpra coa súa promesa para transformar o Hospital de San Rafael nun centro na atención psiquiátrica na provincia”. A obra forma parte do Plan de Obras e Servizos de 2008 e inclúe a colocación de xeotéxtil para impedir a contaminación das capas de base e afirmado, reforzo da base da estrada con zahorra artificial e aglomerado en quente, así como sinalización vertical e horizontal. O acondicionamenteo dos dous treitos e a rotonda teñen un investimento de 821.907 euros. Gómez Besteiro subliñou “son preto de 300 millóns das antigas pesetas que estamos a investir nunha estrada na que aplicamos aglomerado en quente que é o que lle vai dar durabilidade. Isto permítenos aforrar cartos xa que non teremos que realizar continuas repavimentacións”. O Alcalde de Castro de Rei, Juan José Díaz Valiño, agradeceu a colaboración da Deputación, “que permitiu que se eliminasen dous puntos negros desta estrada, polo que teño que agradecer a atención que o Presidente sempre ten con este Concello, así como a práctica e inminente solución dos problemas”. O rexedor municipal engadiu, ademais, que “durante moitos anos Castro estivo desatendido da Deputación e agora Gómez Besteiro supervisa unhas obras que foron moi demandadas polos veciños, xa que dan servizo non só a este municipio senón tamén ó de Cospeito”. Outros investimentos previstos para Castro de Rei O organismo provincial tamén realizará o afirmado, sinalización, ensanche e mellora da CP 1102 de Couto de A-Ansemar-Castro Riberas do Lea, desde o punto quilométrico 10,140 ó 11,060. Esta obra contempla a construción de beirarrúas en 250 metros. Conta cun investimento de 80.000 euros. Ademais, acondicionarase o acceso ó Castro de Viladonga desde o punto quilométrico 0,000 ó 10,240. Adxudicouse provisionalmente na Xunta de Goberno do pasado venres a ASOGAL por valor de 890.000 euros. “Trátase dunha reivindicación constante do Alcalde de Castro de Rei. É unha obra importante porque dá acceso ó centro etnográfico que vai ser un ben de interés comunitario”, engadiu Gómez Besteiro. Plans da Deputación A través dos diferentes plans da Deputación o Concello de Castro de Rei está a recibir do organismo provicial 342.518 euros. Deste xeito, a través da creación voluntaria do Fondo Extraordinario da Deputación, dotado con 1,5 millón de euros e complementario do Fondo Estatal de Investimento Local, a este Concello correspondéronlle 40.664 euros. Asimesmo, dentro do Plan de mantemento da rede viaria provincial Castro de Rei atópase cos Concellos de Meira, Ribeira de Piquín, Pol, Cospeito, Outeiro de Rei e Rábade na zona 4. O mantemento dos 90,18 quilómetros da rede viaria provincial deste municipio ascende a 250.475 euros. Por outra banda, este Concello acomete a xestión da roza dos 87,047 quilómetros de estradas provinciais, o que supón un custe para a Deputación de 15.380 euros. A través do Plan de Comunidades Veciñais de 2008, Castro de Rei recibiu 35.999 euros que serviron para a execución de 6 obras: pintado exterior da igrexa de Triabá, acondicionamento da igrexa de Ribeiras de Lea, acondicionamento do terreo do cemiterio e auga escola-Duarria, pintado exterior da pranta baixa do local social de Pozo, limpeza e ensanchado camiño de Gulpilleiras, e reelectrificación do barrio da Vereda.