Deputación de Lugo

Aberta a inscrición no plan Fórmate en Verde, co que a Deputación formará gratis a 900 persoas no sector agropecuario e forestal

Imaxe deputación de lugo
Os interesados deben entrar en www.deputacionlugo.org escoller a actividade na que queren formarse –agricultura ecolóxica, gandería ecolóxica ou xestión forestal sostible-, cubrir o formulario de inscrición correspondente e envialo directamente dende a mesma webOs cursos comezarán en marzo, de maneira progresiva, a medida que se vaian cubrindo as prazas dispoñibles do programa Os participantes recibirán formación, prácticas reais nunha explotación consolidada e asesoramento técnico especializado para crear, reconverter ou diversificar a súa empresa

Escolle o sector no que queres formarte e inscríbete:

  • http://www.planintegralgandeiro.info
  • http://www.planintegralagricola.info
  • http://www.planintegralforestal.info
  • A Deputación de Lugo abriu este luns o prazo de inscrición no seu novo plan de emprego Fórmate en Verde, a través do dará formación e asesoramento técnico especializado, de maneira totalmente gratuíta, a 900 lucenses para que creen ou reconvertan empresas vinculadas á agricultura e á gandería ecolóxica, así como ó aproveitamento forestal sostible. Para anotarse, as persoas interesadas deben entrar na páxina web www.deputacionlugo.org escoller a actividade na que queren formarse, cubrir o formulario de inscrición correspondente e envialo directamente dende a propia web. Os cursos comezarán o vindeiro mes de marzo, de maneira progresiva, a medida que se vaian cubrindo as prazas dispoñibles do programa. Os participantes recibirán formación, prácticas reais nunha explotación consolidada e asesoramento técnico especializado para crear, reconverter ou diversificar a súa empresa.

    Desta oportunidade de futuro poden beneficiarse desempregados, emprendedores, mozos, agricultores, gandeiros e estudantes de toda a provincia, excepto os censados no Concello de Lugo, pois son destinatarios doutros programas europeos.

    Por toda a provincia

    A Deputación descentralizou as accións formativas en función do peso específico de cada rama obxecto do programa nas comarcas lucenses. Deste xeito, a vinculada á xestión forestal impartirase na Mariña, unha zona que concentra o 30% das empresas lucenses dedicadas ó sector da madeira.

    Seguindo este mesmo criterio, as actuacións vinculadas á gandería ecolóxica terán lugar na zona centro da provincia, dado o importante número de explotacións de carne ou leite coas que contan os concellos das comarcas de Lugo, Terra Chá e A Fonsagrada. Cada municipio conta con entre 400 e 1.000 explotacións. O centro de referencia da formación será a Granxa Gayoso Castro.

    Polo que respecta á agricultura ecolóxica, as accións desenvolveranse na Zona Sur, tendo en conta que nas comarcas de Chantada ou Lemos a superficie dedicada ó cultivo é de entre o 30 e o 50%, e que Monforte alberga a sede do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA). Neste caso, o Pazo de Tor será o centro de referencia.

    Formación, práctica e asesoramento

    O plan de emprego Fórmate en Verte, con un ano de duración, ten tres eixos:

    - Formación: que poderá ser presencial, a distancia ou mixta, e impartirase entre os meses de marzo e outubro.

    - Visitas prácticas a empresas xa consolidadas dos sectores agropecuario e forestal.

    - E, posteriormente, asesoramento técnico especializado a tódolos participantes para crear empresas no rural vinculadas ós sectores forestal, gandeiro e agrícola. As persoas que queiran reconverter a súa explotación, diversificar a súa actividade ou ben poñer en marcha unha nova empresa, contarán con asesoramento continuo e especializado, dende a mesma concepción da idea, ata a súa saída ó mercado. Terán ademais á súa disposición unha canle de comercialización: a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación que conta hoxe con 80 empresas e 400 produtos e servizos.