Deputación de Lugo

Gómez Besteiro repite este ano as axudas para autónomos ante o éxito da primeira convocatoria

A Comisión Executiva do INLUDES aprobou as subvencións das que se beneficiarán medio milleiro de autónomos

- O organismo dependente da Deputación ratificou o Plan Estratéxico de Subvencións 2009 por valor 1,6 millóns de euros e destinado á promoción do emprego e á mellora de sectores como a gandeiría ou a industria - O Presidente anunciou que este xoves comeza na zona sur da provincia o Programa de Empresas e Sucesión Familiar A Comisión Executiva do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) aprobou este luns as subvencións en concorrencia competitiva enmarcadas dentro do Programa de Apoio ó Tecido Empresarial das cales se beneficiarán preto de 500 autónomos da provincia, e que serán repetidas en 2009. O Presidente da Deputación e Presidente do INLUDES, José Ramón Gómez Besteiro, destacou a boa acollida que tivo a iniciativa, “polo que xa estamos traballando para renovar estas axudas. Os Presupostos do INLUDES contemplan a partida específica para a súa posta en marcha. En dúas semanas notificaráselles a resolución ós afectados e antes do verán teremos concluídas as bases que rexerán a segunda convocatoria”. Dotada con preto de 700.000 euros, a iniciativa xurdiu coa vocación de apoiar o tecido produtivo da provincia e de reactivar as economías locais, a través da concesión de axudas económicas ás empresas que desenvolven a súa actividade nos Concellos lucenses. Os destinatarios destas axudas foron empresas/autónomos con máis de dous traballadores e de recente creación (entre os anos 2006 e 2008). Na valoración de adxudicación priorizáronse ás empresas de Concellos máis desfavorecidos en número de poboación e maior taxa de paro, así como a aquelas PEMES que favorezan a contratación de persoal con máis dificultades de inserción laboral. Lugo dispón de 25.035 empresas das que tan só 11 teñen máis de 200 traballadores. Recibíronse preto de 1.900 solicitudes, de tal xeito que a maior parte dos beneficiarios foron autónomos e Sociedades Limitadas. Entre estas dúas categorías sumaron 1616 solicitudes, ou o que é o mesmo: o 87,8% do total presentado a este programa de axudas promovido polo INLUDES. O programa incluíu tres liñas de axuda: acceso á sociedade da información e da comunicación, consolidación e mellora do tecido empresarial e axudas para gastos de actividade. Neste senso, a liña máis demandada foi a segunda. Para esta houbo 890, o que representa o 49%. Séguenlle as solicitudes para a Sociedade da Información con 637 e a de gastos de actividade con 296 expedentes. Gómez Besteiro subraiou que a Deputación de Lugo é unha das poucas institucións provinciais de España que subvenciona os gastos correntes deste colectivo, tales como recibos de luz ou do teléfono, pero tamén para outras cuestións como renovar os equipos informáticos, que lles vai permitir ós autónomos xestionar mellor os seus negocios, ou subvencións para renovar os seus locais. Asimesmo, e dentro da política de promoción do emprego desenvolvida pola Deputación, anunciou que este xoves comezará na zona sur da provincia o Programa de Empresas e Sucesión Familiar iniciado na Mariña Luguesa. O vindeiro 2 de abril, ás 19:15 horas, o Presidente e a Vicepresidenta Segunda explicarán ás empresas desta zona de Lugo este proxecto. Será nas dependencias de Caixa Galicia de Monforte, na rúa Cardenal, nº18, 2º piso. 1,6 millóns de euros do Plan Estratéxico de Subvencións O Consello Reitor do INLUDES tamén aprobou o Plan Estratéxico de Subvencións 2009 dotado con 1, 6 millóns de euros. Lara Méndez explicou que o Plan contempla unha serie de axudas coas que “daremos cobertura ás necesidades dos municipios e dos cidadáns da provincia de Lugo, ó tempo que apoiamos o financiamento de actividades municipais, promocionamos a información, desenvolvemento, innovación e formación, e facilitamos a contratación de profesionais en servizos prestados polos Concellos da provincia”. As liñas do Plan Estratéxico de Subvencións son 4 fundamentalmente : 1. –Sector agricultura, gandeiría e pesca. Cunha cuantía de 549.000 euros, están destinadas a potenciar a planificación estratéxica e modernización das explotacións dos sectores agrícola, gandeiro e pesqueiro. As axudas dotarán ós produtores dunha estrutura produtiva viable, asegurando a súa vez o relevo xeracional. Asimesmo, permitirán a profesionalización destes sectores e contribuén a fixar poboación no medio rural. 2.- Sector industria. Dirixidas a impulsar o tecido empresarial da provincia, a posta en marcha de novas empresas e de plans experimentais en materia de I+D+I, creación de emprego, aproveitamento racional dos recursos naturais renovables e enerxéticos. O orzamento previsto para esta liña é de 463.500 euros. 3.-Promoción do emprego. Trátase de subvencións para a xeración de emprego estable, para a promoción dos sectores produtivos da provincia, así como para a mellora dos rendementos e a produtividade das empresas e a formación dos empresarios e traballadores. O presuposto é de 206.000 euros. 4.- Sector da enerxía e das telecomunicacións. Inclúe axudas para o aproveitamento racional dos recursos naturais e enerxéticos, fomentado o respeto e protección do medio ambiente. Para este sector destínanse 175.100 euros. Asimesmo, por primeira vez, o Plan inclúe unha liña destinada ó medio ambiente. Estas axudas están destinadas a actividades ou investimentos que promovan o desenvolvemento sostible, a conservación da natureza e a posta en valor dos espazos naturais, co que se mellorarán as condicións de vida dos cidadans, e se favorecerá o aproveitamento racional dos recursos naturais renovables desde unha perspectiva económica. O resto das axudas están dirixidas ós sectores da investigación científica, comunicación social e promoción da artesanía.