Deputación de Lugo

OS MAIORES DE LUGO ACHEGARANSE AOS CENTROS DA REDE MUSEÍTICA DEPENDENTE DA ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN

A colaboración entre a vicepresidencia da Xunta de Galiza e a vicepresidencia primeira da Deputación fomentará o coñecemento dos centros da rede entre os maiores

O Vicepresidente Primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao e a Delegada da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, Branca Rodríguez Pazos, presentaron hoxe, no museo de Lugo, o programa As Lembranzas na Memoria e nos sentidos: Maiores nos museos. Con este programa achegarase, aos usuarios dos Centros sociais e das Residencias de Maiores dependentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a posibilidade de coñecer os centros da rede museística. Este proxecto levarase a cabo nos meses de novembro e decembro deste ano e todos os custes derivados da actividade correrán a cargo da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo e da Área de Cultura. As Lembranzas na Memoria e nos sentidos: Maiores nos museos é unha oferta de ocio diferente para os usuarios dos centros e residencias de maiores. Esta actividade servirá para potenciar aspectos lúdicos e ao mesmo tempo culturais para un sector da poboación que habitualmente non se achegan a este tipo de espazos ao consideralos pechados e fóra do seu alcance. Nestas actividades participarán centros dependentes de toda a provincia de Lugo e os Museos da Rede Museística que se atopan tamén nas diversas comarcas lucenses. Segundo palabras do vicepresidente da Deputación, Antón Bao: “Este proxecto é un bo exemplo de colaboración e de traballo entre dúas administracións como son a Xunta de Galiza e máis concretamente a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e a Área de Cultura da Deputación de Lugo, para mellorar o benestar das persoas maiores e achegalas ao patrimonio cultural que gardan os nosos museos” UN PROXECTO PARA TODAS AS COMARCAS DE LUGO Este proxecto ademais de desenvolverse nos propios Centros Sociais (Mondoñedo, Ribadeo e Vilalba), Residencias de Maiores (Burela, Gándaras, Milagrosa e Monforte) e Fogar do Maior da Milagrosa, todos eles dependentes da Xunta en Lugo, tamén se levaría a cabo nos Museos da rede museísitica provincial de Lugo, é dicir, Museo Provincial de Lugo, Museo Etnográfico de San Paio de Narla, Museo Provincial do Mar e Pazo de Tor. Para moitas persoas maiores os Museos son espazos descoñecidos, este proxecto ten o obxecto de facilitar aos usuarios destes Centros e Residencias, o coñecemento do patrimonio acollido nos diferentes museos integrados na rede provincial a través dun achegamento bilateral: primeiramente e a modo de introdución, a visita a cada un dos Centros e Residencias de Maiores dependentes da Vicepresidencia da Xunta, de persoal técnico ao servizo da rede museística, para facer posible unha primeira toma de contacto dos maiores con obxectos relacionados coa etnografía e historia que nos son máis cercanas e que por outra banda son exemplo daquelo que se van atopar nos museos, e unha vez feito isto, a visita dos usuarios dos Centros e Residencias de Maiores aos Museos para coñecer in situ a realidade desas dependencias, os seus recursos e as súas coleccións. (Axuntase: fotos + corte de voz + programa da actividade) PROGRAMA DE VISITAS Programa dos maiores, dos Centros Sociais, Fogar do Maior e Residencias dependentes da Delegación da Vicepresidencia da Xunta en Lugo, aos museos da Rede Provincial. Cronograma. Novembro. Semana do 17 ao 21: Residencia de Maiores de Monforte – Museo Provincial de Lugo. Luns 17: visita da técnica Paula ás 11:00 h. Venres 21: visita ao Museo Provincial dos residentes ás 12:30 h. Fogar do Maior da Milagrosa – Museo do Mar. Martes 18: visita da técnica María Xosé ás 11:00 h. Venres 21: visita ao Museo do Mar dos usuarios ás 12:00 h. Semana do 24 ao 28: Centro Social de Mondoñedo – Museo Provincial de Lugo. Luns 24: visita da técnica Paula ás 11:00 h. Mércores 26: visita dos usuarios ás 12:30 h. Residencia de Maiores da Milagrosa – Museo do Mar. Martes 25: visita da técnica María Xosé ás 11:00 h. Venres 28: visita dos residentes ás 12:00 h. Decembro. Semana do 1 ao 5: Residencia de Maiores das Gándaras – Museo do Mar. Martes 2: visita da técnica María Xosé ás 11:00 h. Venres 5: visita dos residentes ás 12:00 h. Centro Social de Vilalba – Museo Provincial de Lugo. Mércores 3: visita da técnica Paula ás 11:00 h. Venres 5: visita dos usuarios ás 12:30 h. Semana do 8 ao 12: Centro Social de Ribadeo – Museo Provincial de Lugo. Martes 9: visita da técnica Paula ás 11:00 h. Xoves 11: visita dos usuarios ás 12:30 h. Semana do 15 ao 19: Residencia de Maiores de Burela – Museo Provincial de Lugo. Luns 15: visita da técnica Paula ás 11:00 h. Mércores 17: visita dos usuarios ás 12:30 h. Residencia de Maiores da Milagrosa – San Paio de Narla. Martes 16: visita da técnica Paquita ás 11:00 h. Venres 19: visita dos usuarios ás 12:00 h.