Deputación de Lugo

200 rapaces participarán nos campamentos que a Deputación pon en marcha este verán en Guitiriz

A Vicepresidenta Segunda e a rexedora municipal presentaron a iniciativa que engloba 9 actividades medioambientais destinadas a nenos de 3 a 16 anos

Trátase de actividades, nunca antes desenvolvidas no Concello chairego, e que pretenden achegar ós máis pequenos a necesidade de preservar o medio ambiente A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e a Deputada de Economía e Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, acompañadas da Concelleira de Cultura, Sonia Freire, presentaron este mércores na Escola Habanera guitiricense os campamentos que o organismo provincial porá en marcha no municipio chairego. Durante os meses de xullo e agosto vanse desenvolver na Aula da Natureza de San Xoán de Lagostelle (Guitiriz) diversas actividades medioambientais englobadas en dous campamentos: Coñece a Natureza -dirixido a nenos e nenas de 3 a 6 anos- e Entende a Natureza –destinado a rapaces de 7 a 16 anos. Lara Méndez destacou que esta actividade dá continuidade á política medioambiental que se está a levar a cabo no organismo provincial, a través do programa europeo Lug02, dotado con 5 millóns de euros e destinado a potenciar os Concellos incluídos nas Reservas da Biosfera e ó medio ambiente nunha oportunidade económica. “É un proxecto que vai a quitar ese estereotipo de que o medio ambiente non vai unido ó progreso e ó desenvolvemento, senón todo ó contrario”. A Vicepresidenta Segunda explicou que nestes campamentos, que tamén se desenvolverán no Concello de Lugo, os nenos terán a oportunidade de participar en actividades moi novidosas e nunca vistas en Guitiriz. “O feito de que escollésemos a estes dous municipios para a súa realización non é unha casualidade: son os Concellos da provincia que máis apostan polo medio ambiente e pola sostibilidade. Como saben, o de Guitiriz foi declarado en 2006 pola Xunta de Galicia núcleo de sostibilidade e nisto a súa Alcaldesa ten moito que ver”. En total, participarán uns 200 rapaces. Cada grupo de idade terá actividades dunha semana de duración, de luns a venres, distribuídos do seguinte xeito: 15 ó 31 de xullo (2 grupos de idades de 6 a 12 anos), 3 ó 7 de agosto (grupo de 3 a 6 anos) e do 10 ó 14 de agosto (grupo de 12 a 16 anos ou grupo de varias idades). A Alcaldesa convidou ós rapaces a que se apunten, “xa que no caso de que non houbera un grupo de 30 persoas de 12 a 16 anos, repetiríase cos que teñan máis demanda. Todos se van a desenvolver nunha zona preciosa, na área recreativa de San Xoán; un embalse de auga artificial que surte á localidade de Guitiriz”. Asimesmo, Polín subliñou que “vai haber actividades divertidas e incluso van a ter a posibilidade de comer alí. Ademais, posiblemente van ter a sorpresa de que van a dormir en Lagostelle”. As inscricións faranse no Concello de Guitiriz, polas mañás de 9:00 a 14:00 horas e pola tarde de 16:00 a 20:00 horas na Omix. O prazo para anotarse xa está aberto e durará ata o 30 de xuño. Todas as actividades serán gratuítas, así como o transporte á área recreativa. Neste caso, a rexedora municipal engadiu que “incluso o Concello estaría disposto a que se algún rapaz dalgunha parroquia non ten posibilidades intentaremos facer o posible para que participe”. 9 actividades relacionadas co medio ambiente O programa inclúe xogos e excursións de simulación ambiental que serán impartidos por técnicos especializados. A esta iniciativa a Deputación destina 30.000 euros. Os rapaces non só descubrirán a riqueza medioambiental senón que tamén aprenderán a valorar o que temos e a preservar o medio natural. En total poderán participar en 9 actividades relacionadas co medio ambiente. Son as seguintes: 1.- DEPURADORAS CASEIRAS: Ó tempo que constrúen a depuradora coñecerán os pasos que hai que seguir para conseguir que a auga sexa potable. 2.- RECICLAXE DE MATERIA ORGÁNICA: 3.- O RASTRO DO BOSQUE A través dun paseo pola natureza aprenden a recoñecer, identificar e conservar os rastros e sinais dos animais. 4.- XABÓN CASEIRO Introducirase ós nenos na historia da fabricación de xabón, partindo do aproveitamento de residuos. 5.- ENERXÍA EÓLICA. UN PAPAVENTOS Nesta actividades preténdese amosar ós nenos outras formas de obter enerxía a partir de fontes alternativas e renovables como as do vento e a auga. 6.- PATRULLA VERDE Nesta actividade o obxectivo principal é concienciar ós participantes da importancia de Reducir, Reutilizar e Reciclar, ensinando a separar o lixo nos contedores adecuados. 7.- O CICLO DA AUGA Desenvolveranse charlas, talleres e proxectaranse vídeos onde os nenos apreciarán e entenderán a relevancia de facer un uso axeitado da auga. 8.- ENERXÍA SOLAR. AS COCIÑAS SOLARES Construirán cociñas solares valéndose unicamente dos raios do sol. 9.- RECICLAXE DE PAPEL Participarán en talleres nos que se lles ensinará a reciclar elementos como o papel ou o cartón.