Deputación de Lugo

A Deputación colabora con 15.000 euros na homenaxe popular a Leopoldo Calvo-Sotelo

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro comunicou esta decisión á familia do ex Presidente ó que se lembrará en Ribadeo no cabodano do seu pasamento

A Deputación destina 15.000 euros á homenaxe popular que se lle rendirá ó ex Pesidente do Goberno, Leopoldo Calvo-Sotelo, en Ribadeo no mes de maio, coincidindo co cabodano do seu pasamento. O Presidente da institución, José Ramón Gómez Besteiro, púxose en contacto coa familia para comunicarlles a decisión do organismo provincial de contribuír con esta aportación económica ós actos en lembranza do que fora Alcalde honorario de Ribadeo e primeiro Marqués da Ría de Ribadeo. Esta homenaxe, e recollendo o expreso desexo da familia, estará orientanda cara ó vencellamento do ex Presidente con esta vila da Mariña, coa ría que leva o seu mesmo nome, así como coas súas xentes, co obxectivo de que se fomente a participación popular. O acto central consistirá no descubrimento dun elemento conmemorativo que se colocará no contorno da ría de Ribadeo. A obra estará en consonancia coa natureza do homenaxeado, que sempre exerceu de galego. A idea final é que Leopolo Calvo-Sotelo teña un monumento digno en Ribadeo, e que para sucesivas xeracións represente un elemento de coñecemento dunha das persoas vencelladas a Galicia e a Lugo e que contribuíron decisivamente en momentos, non sempre fáciles, á construción e consolidación do actual réxime democrático. A homenaxe tamén incluirá a edición dun libro no que participarán diversas personalidades e amigos de Calvo-Sotelo e a entrega da Medalla de Ouro do Concello de Ribadeo a título póstumo.