Deputación de Lugo

O Vicepresidente, Antón Bao, inaugurou a exposición A Divina Comedia de Dalí no Museo Provincial de Lugo

A mostra de Caixa Nova recolle cen gravados do xenial artista catalán, Salvador Dalí.

Esta exposición permanecerá aberta, dende o 10 de setembro ao 12 de outubro no Museo de Lugo. A mostra que recolle 100 gravados do artista catalán, foi inaugurada polo vicepresidente da Deputación de Lugo e contou co Director comarcal de Caixa Nova en Lugo, Xesús Vidal. Na actualidade sería imposible escribir unha historia da arte e do pensamento do século XX sen ter en conta a obra artística e literaria, marcada tamén polo forte carácter que tiña o artista. Pintor e escultor, intégrase no grupo de poetas e artistas coñecido posteriormente pola xeración do 27. A pintura dos seus primeiros anos, o Manifesto Amarelo (1928), os seus artigos e as súas conferencias (1930) provocaron reaccións violentas. Residindo en París desde as postrimerías dos anos vinte, converteuse na figura máis brillante do surrealismo pictórico.Foi dos máximos expoñentes do surrealismo que desenvolveu en multitude de facetas: pintura, gravado, ourivaría e decoración. Como bo catalán universal difundiu as súas ideas por medio mundo, mantendo con todo un profundo apego á súa terra natal. A súa obra relacionouse con frecuencia co subconsciente e a psicanálise xa que afacía plasmar nela as súas obsesións. Iconoclasta impenitente se auto-proclamou O Divino. Como pintor, Dalí non tivo un único estilo ou técnica; o mellor da súa produción desenvolveuse dentro do surrealismo e os seus cadros, dun gran detalle e composicións extravagantes e xeniais, reflicten un mundo onírico particular. En 1929 mergullouse no surrealismo tras a súa colaboración con Luís Buñuel nun can andaluz. Contribuíu a revitalizar este movemento coas súas novas invencións, baseadas en ideas freudianas.A exposición que leva por título a Divina Comedia (1960), son cen xilografías que, xunto cos trinta augafortes dos Cantos de Maldoror do Conde de Lautréamont (1934) e as doce litografías para Don Quixote da Mancha (1957), constitúen a súa obra culminante no ámbito da ilustración, un terreo no que o artista chegou a realizar até quince series distintas de gravados. A Divina Comedia de Dalí hai que situala no contexto da evolución do pintor, que desde os anos corenta estaba xa totalmente apartado do grupo surrealista. Tras a súa marcha a Estados Unidos comezou unha época marcada polo misticismo, que vai mostrar no Cristo de Port Lligat (1949), no Cristo de San Juan da Cruz (1951) e nas ilustracións da Divina Comedia, algunhas das súas creacións máis relevantes. A obra de Dalí deste período conserva o indiscutible virtuosismo que xa manifestara na súa etapa de adscrición ao surrealismo, pero agora o pintor acentuará o efectivismo e recreará os grandes mestres do Renacemento e do Barroco en clave surrealista, como é o caso de Rafael, Piero Della Francesca, Vermeer, Velázquez, Zurbarán ou Miguel Ángel, que son referencias de múltiples obras do artista e cuxos temas retomará de modos diversos. A Divina Comedia é unha das obras máis importantes da literatura universal, escrita en romance italiano por Dante Alighieri (1265-1321) entre 1307 e 1321. Dividida en tres partes: Inferno, Purgatorio e Paraíso, cada unha está composta de 33 cantos, excepto o inferno que ten 34. Na obra, Dante, conducido polo poeta latino Virxilio, percorre os nove círculos do inferno, e chega ao cume do purgatorio onde se reúne coa súa amada Beatriz que lle vai a acompañar até o paraíso. As ilustracións do pintor catalán mostran aspectos de Dante no seu percorrido polo inferno, onde é detido pola luxuria, a soberbia e a avaricia. Beatriz, o seu gran amor, envía na súa axuda ao poeta Virxilio que lle guía por onde moran os seres atormentados, embarcando despois cara ao purgatorio para chegar, ao final, á contemplación celestial. Salvador Dalí capta esa calidade visualmente cinematográfica que ten o texto de Dante e ilustra pormenorizadamente esta viaxe como unha ascensión mística, realizando 100 xilografías a cor nas que o pintor xoga cunha multiplicidade que contrasta co preciso estudo das representacións humanas, como se pode observar nos pregues clásicos das súas figuras. Segue, pois, o pintor, a descrición dos motivos narrativos do poema de Dante e recréaas na súa característica linguaxe realista que dá forma corporal ao espiritual. A Divina Comedia de Dalí é unha obra de enorme poder visual e de desbordante imaxinación, na que non se elude o dramatismo que presentan as desgarradas figuras que poboan a obra de Dante. Dalí consegue captar nos seus gravados moitos dos aspectos centrais do texto de Dante, alcanzando unha intensa identificación co autor desta xigantesca metáfora do sufrimento e da redención. Dalí sabe ler con enorme creatividade neste alfabeto compartido da razón e do recoñecemento que é para Georges Steiner o libro de Dante, conseguindo unha persoal interpretación dunha das obras clave da cultura occidental.