Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación participa este sábado nunha camiñata popular polo Paseo do río Rato

Imaxe deputación de lugo
Esta iniciativa ten por obxectivo dar a coñecer ós veciños o cinto verde da cidade que depende do organismo provincial

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participará este sábado nunha camiñata popular polo Paseo do río Rato, que partirá ás 11 de mañá da Tolda. Esta actividade, que non ten carácter competitivo, forma parte do convenio entre o organismo provincial e a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo para a dinamización das zonas verdes da cidade. Gómez Besteiro súmase así a esta iniciativa que ten dous obxectivos: por unha banda, dar a coñecer ós lucenses a parte do cinto verde do que é responsable a Deputación e, por outra, crear entre os cidadáns o hábito de andar e facer exercicio. Os organizadores prevén que na marcha participen uns 300 veciños. Pasearán polas beiras do Rato ata chegar á Ponte Romai e voltarán ó punto de partida. Todo o percorrido suma uns 8 quilómetros e contará coa apoio, en todo momento, de membros de Protección Civil e dun control médico. Cada un dos participantes recibirá unha camiseta, e repartiranse botellas de auga. Esta non será unha iniciativa illada, xa que dentro de dúas semanas organizarase unha nova camiñata popular que, neste caso, sairá desde a Ponte Romai e chegará ós Robles.