Deputación de Lugo

Antón Bao presenta o proxecto teatral de circuitos abertos Buxiganga

Esta actividade é primeira fase dun plan que pretende achegar o traballo realizado polas agrupacións teatrais de afeccionados ao público lucense

O vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao, presentou este martes o proxecto teatral Buxiganga que promove e financia na súa totalidade a Área de Cultura desta institución. A finalidade deste innovador proxecto é a de “achegar o teatro como medio de coñecemento do noso valor patrimonial a todas e cada unha das comarcas lucenses fortalecendo a formación, a creación, e produción e a distribución de espectáculos feitos polos grupos de teatro afeccionado de Lugo”, segundo comentou o nacionalista no transcurso da rolda de prensa á que tamén asistiron as integrantes do Grupo de Teatro do Consello da Cultura, Tareixa Campo, Paloma Lugilde e Esther Pedrouzo. Nesta liña, Antón Bao salientou a importancia deste proxecto no que a creación destes “circuítos teatrais”, que posibilitan a distribución do traballo realizado polos grupos de teatro de distintas asociacións, entidades e centros sociais e/ou educativos, son o primeiro chanzo dun plan moito máis amplo, no que inclúen outros subproxecto de grande interese e importancia para o eido cultural lucense. Deste xeito, nesta primeira fase propíciase e incluso se garante o dereito de que todas esas obras poidan ser representadas en cada un dos concellos que participan no proxecto. Coa posta en marcha deste proxecto teatral preténdese incrementar a formación teórica e práctica neste eido, coñecendo de primeira man as necesidades dos grupos e incluso instruíndo aos propios monitores teatrais nos distintos centros culturais ou a través de cursos especializados. A maiores, o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo e a portavoz do Grupo de Teatro do Consello da Cultura, Tareixa Campo, tamén salientaron a instauración dunha rede de datos que posibilitará o contacto coas diferentes agrupacións que se dedican ao teatro afeccionado e cos distintos concellos e asociacións para coñecer de primeira man os lugares nos que se podan desenvolver estas actividades. Ademais, Antón Bao tamén falou na necesidade de establecer un inventario que permitirá axudar aos grupos nas fases de creación, distribución e produción das súas pezas. Así, a través desta aplicación tentarase cuantificar os recursos materias que posúen os distintos conxuntos para optimizalos ao máximo. Logo disto, Tareixa Campo comentou que este proxecto leva por nome “Buxiganga” en honor ás antigas compañías de teatro formadas por 6 homes, 2 mulleres e varias mulas. Estes actores percorrían as cidade e vila representando un amplo repertorio. Con todo, a integrante do Grupo de Teatro do Consello da Cultura salientou que a crenza popular di que estas agrupación teatrais teñen esta denominación porque os seu integrantes levaban na man unha vexiga de porco mentres actuaban. Outros din que “buxiganga”, “bexiganga” ou “bujiganga” refírese ás compañías de teatro da legua. Unhas agrupacións que tiñan que malvivir a unha legua das cidades ao seren considerados persoas non gratas, asegurou Campo na súa exposición. Un “obxectivo prioritario” Logo disto, Antón Bao cualificou como “obxectivo prioritario” da Área de Cultura da Deputación de Lugo impulsar o teatro en todos e cada un dos concellos lucenses ao longo do ano 2009. Para o nacionalista esta representación artística aglutina a un amplo sector da poboación nas súas dúas variantes: o teatro afeccionado e o profesional. Mañá mércores, ás 19:00 horas, o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo e o persoal técnico da Área de Cultura desta institución reuniranse con varios representantes dos sector do teatro nas distintas comarcas para facelos partícipes das principais liñas de actuación do proxecto. “Calquera opinión ou suxestión será benvida”, asegurou o nacionalista. Por último, cómpre destacar que Antón Bao fixo público que a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo convocará unha praza de bolseiro/a para que este/a se encargue da recompilación dos textos e do material escénico empregado por todas as agrupacións nos circuítos teatrais. Pezas para o público infantil e adulto O primeiro dos obxectivos deste proxecto teatral denominado Buxiganga en tomar forma son os circuítos teatrais. Para participar nesta actividade as asociación ou agrupación terán que preparar unha peza cun duración máxima de 45 minutos dirixida ao público infantil e cunha duración mínima e máxima de 55 e 90 minutos para o público adulto. O obra - versións orixinais ou traducións- será representada en lingua galega.