Deputación de Lugo

A Xunta pretende a presidencia de TOR sen pagar nin un só euro nin tomar posesión de todos os cargos

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial amosa a súa sorpresa ante o cualificativo de “cooperación estreita” entre os membros do Padroado cando a Consellería adebeda á Fundación máis de 500.000 euros, e o Conselleiro aínda non quixo asistir a ningunha das tres reunións celebradas ata o momento

Diante o desinterés da Xunta, na actualidade, o coste dos traballos e a execución dos mesmos foron realizados única e exclusivamente coas aportacións da Deputación de Lugo Tres meses despois da súa toma de posesión, o Conselleiro de Medio Rural xa presentara un contencioso administrativo para impedir a convocatoria de novas reunións, pero o Xulgado deulle a razón á institución provincial A Deputación de Lugo en resposta ó comunicado emitido este mércores dende a Consellería de Medio Rural sobre as graves acusacións ó Presidente desta institución, José Ramón Gómez Besteiro, quere poñer de manifesto que non existe ningún tipo de irresponsabilidade e falta de lealdade institucional por parte do titular provincial. Neste senso, chama poderosamente a atención que reclamen exercer os dereitos derivados dos Estatutos e que falen de “cooperación estreita” entre ambas institucións cando a administración autonómica non está a cumprir as súas obrigas. A día de hoxe, a administración autonómica adebeda á Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia un total de 523.031 euros. Esta cantidade reclamóuselle á Consellería o 24 de setembro de 2009 e 4 de febreiro de 2010. Neste senso, é preciso recordar que, ata data de hoxe, as obrigas económicas derivadas do funcionamneto da Fundación (salarios dos traballadores, seguridade social, luz, auga, teleléfomo, etc), foron satisfeitas ÚNICA E EXCLUSIVAMENTE coas aportacións da Deputación de Lugo. Designación dos Patronos A instancias da Deputación procedeuse a nomear ós representantes da Xunta de Galicia no Padroado, que foron comunicados o 25 de xuño de 2009. Dende dita data, o Padroado reuniuse en tres ocasións: 14 de abril, 8 de xullo e 30 de setembro de 2009. Malia que na orde do día se incluía o punto seguinte “Toma de posesión dos representantes designados pola Comunidade Autónoma”, soamente Ramón Carballo Paez, xefe territorial da Consellería de Medio Rural en Lugo, tomou posesión do seu cargo. Os outros dous representantes da Comunidade Autónoma, Samuel Jesús Juarez Casado, Conselleiro de Medio Rural, e Ricardo García-Borregón Millán, Director Xeral de Conservación da Natureza, nin compareceron, nin tomaron posesión, nin tan sequera desculparon as súas ausencias nas reunións. A convocatoria para a reunión prevista para o día de mañá foi realizada e presentada en tempo e forma no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en Lugo o pasado día 5 de febreiro e consensuada por ambas administracións. Por certo, que ningunha das convocatorias anteriores coincidiu a xoves nin coa celebración do Consello da Xunta. Polo tanto, resulta incomprensible, que tendo constancia da convocatoria do Padroado en dita data, se pretenda a súa anulación só unhas horas antes da súa celebración. Nembargantes, a xuntanza convocada para o día 11 de febreiro de 2010 corresponde á reunión trimestral ordinaria cuxa periodicidade foi establecida na reunión do Padroado do día 30 de setembro de 2009. Xuntanzas do Padroado A Consellería de Medio Rural xa intentou paralizar a actividade do Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e ó seu equipo de goberno a través da xustiza en xuño do ano pasado. Este Departamento presentou un contencioso administrativo para impedir a convocatoria de novas reunións. Con todo, o Xulgado deulle a razón á Deputación, xa que perante o desinterés da Xunta era necesario continuar coa actividade normal en Tor. Os estatutos da Fundación no seu art. 9 establecen que “os cargos de Presidente e Vicepresidente alternaranse consecutivamente cada ano”. En calquera caso e polo que se refire á pretendida nulidade da convocatoria do Padroado a celebrar o día 11 de febreiro de 2009, carece de fundamento xurídico, xa que de acordo co que dispoñen os Estatutos no seu art. 15 “corresponderalle ó Vicepresidente realizar as funcións do Presidente nos supostos de vacante ausencia ou enfermidade”. Neste senso, mantense a reunión para dita data e no lugar previsto, xuntanza na que poderán plantexarse todas e cada unhas das cuestións que sobre a aplicación dos Estatutos desexen facerse.