Deputación de Lugo

Comeza na zona sur o Programa da Deputación destinado a garantir a sucesión familiar das empresas

Concluída con grande éxito na Mariña, o Presidente do organismo provincial decidiu ampliar a iniciativa que está sufragada totalmente pola Deputación

Durante 8 semanas os participantes recibirán atención personalizada que lles permitirá desenvolver estratexias empresariais relacionadas coas novas tecnoloxías, marketing ou coa xestión económica e financieira O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, inauguraron este xoves o Programa de Sucesión na Empresa Familiar en Monforte de Lemos impulsado polo INLUDES en colaboración coa Fundación CREA. Concluída na Mariña con grande éxito, a Deputación amplía agora a iniciativa á zona sur da provincia, tal e como prometeu o máximo mandatario provincial no mes de febreiro durante a clausura do curso celebrado en Viveiro. A iniciativa está creada e sufragada na súa totalidade pola Deputación de Lugo e destinada ó afianzamento das empresas familiares e emprendedores desta parte da provincia. Trátase dun Programa pioneiro en España que se enmarca dentro das ambiciosas políticas da Deputación para crear emprego e que se suman ás axudas para autónomos, incluídas no Programa de Apoio ó Tecido Empresarial, ó Pacto Provincial polo Emprego, que a institución provincial pon en marcha coa Consellería de Traballo, ou á aposta polo medio ambiente como oportunidade económica e xeradora de emprego a través do proxecto europeo Lug02. O grande reto das empresas familiares é superar con éxito o relevo xeracional. Das 24.600 pequenas e medianas empresas que hai en Lugo, o 30% son familiares e só un 15% pasa a unha terceira xeración. É precisamente neste cambio xeracional cando se producen baixas debido a un escaso asesoramento. No acto, no que tamén participou o responsable de CREA, Javier Collado, o responsable provincial destacou que “foi deseñado estratexicamente para impulsar a economía lucense e para que as empresas desta zona da provincia ocupen o lugar que merecen grazas a que lles garantimos a súa sucesión”. O programa comeza coa participación de 10-15 empresas familiares, seleccionadas entre os aspirantes. Contribúe a afianzar o seu desenvolvemento e consolidación grazas a un tratamento integral do problema familiar, xurídica e empresarial que se presenta no momento da sucesión. “Éste é o asunto máis importante ó que deben enfrontarse as empresas familiares porque engloba, non só a dirección, senón a propiedade, sistema de goberno, modelo de xestión e unha serie de valores que se teñen que traspasar de xeración en xeración”, apuntou Besteiro. É un programa totalmente gratuíto para as PEMES, financiado ó 100% pola institución provincial con 60.000 euros. “Con este tipo de iniciativas queremos imprimirlle a esta provincia o forte pulo socioeconómico que necesita. E nesta tarefa tamén sodes importantes os empresarios”. Desenvolvemento do programa Cun enfoque moi práctico e durante 8 semanas consecutivas, os participantes terán sesións conxuntas (72 horas) e consultorías totalmente personalizadas, nos seus negocios, ou onde dispoñan, para elaborar as súas estratexias futuras en áreas como a xurídica, económica-financieira, marketing e vendas, fiscal, novas tecnoloxías, etc. As sesións individuais (25 horas) están dirixidas por un consultor especialista e cun horario adaptado á disponibilidade dos participantes. Ó rematar, os participantes terán todos os programas relacionados coa consolidación da empresa familiar e a sucesión: Plan Estratéxico, Plan de Empresa, Protocolo Familiar e Plan de Sucesión. O Programa desenvólvese nas instalacións de Caixa Galicia de Monforte de Lemos, rúa Cardenal, nº 18, 2º. As empresas que queiran sumarse á iniciativa poderán facelo chamando ó 982 227 812. PLANIFICACIÓN  SEMANAL SEMANA ACTIVIDADES1ªPlan de traballo. A E.F.  no contorno actual. Problemática específica coa sucesión. 2ªDiagnose e preparación dunha estratexia de futuro na área económico financiera.3ªDiagnose e preparación dunha estratexia de futuro en mercadotecnia e vendas.4ªAspectos mercantís e fiscais da E.F.5ªDirección de proxectos.6ªNovas tecnoloxías da información e o comercio electrónico aplicadas á PEME.7ªTraballo de campo.8ªDirección de proxectos.Preparación final do protocolo familiar e do plan estratéxico/plan de empresa.