Deputación de Lugo

Gómez Besteiro recibiu a 70 rapaces que participan no programa de intercambio dos institutos da capital

Imaxe deputación de lugo
O Presidente da Deputación entregou lotes de produtos autóctonos dentro da campaña de promoción do organismo provincial Lugo-Sabe

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este luns no Pazo de San Marcos a un grupo de 70 rapaces que participan no programa de intercambio que está en marcha nos institutos da capital luguesa. Concretamente, o Gómez Besteiro mantivo tivo un encontro con mozos do centro educativo San José, e cos de Castelanu de Médoc, pertencente á rexión francesa de Aquitania. O obxectivo desta iniciativa é compartir a cultura e poñer en valor o patrimonio das cidades, ademais do intercambio lingüístico. Por iso, os rapaces lucenses amosarán e explicarán ós compañeiros galos, e ó longo desta semana, as riquezas da capital tales como a Muralla, ou a Catedral. Gómez Besteiro destacou o “caracter enriquecedor deste programa, e a importancia de compartir e coñecer a cultura como membros da Unión Europea”. Neste senso, explicou que o organismo provincial está inmerso na promoción ó exterior da provincia con iniciativas como Lug02 , programa dotado de 5 millóns de euros, cofinanciado nun 70% con fondos FEDER, e un 30% pola Deputación, e onde se inclúe a campaña Lugo-Sabe. Deste xeito, o Presidente agasallou os rapaces con 70 lotes de produtos autóctonos. Da mesma forma, os rapaces tamén visitaron este luns o Centro de Artesanía e Deseño onde coñeceron os antigos traballos artesanais de Lugo, e participaron en obradoiros de cerámica e fabricación de instrumentos.