Deputación de Lugo

O VICEPRESIDENTE PRIMEIRO DA DEPUTACIÓN RECIBIU Á XOVEN
BILLARISTA TANIA LÓPEZ PÉREZ

Esta moza lucense proclamouse campiona de España de billar a 3 bandas do ano 2008

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, recibiu no Pazo de San Marcos a Tania López que se proclamou este ano campiona de España de billar a 3 bandas. Tania López mantivo un encontro co vicepresidente primeiro, cos responsables da área de Deportes e cos portavoces dos grupos políticos con representación na Deputación de Lugo. Tras ser recibida no Pazo de San Marcos Tania López fixo as correspondentes declaracións ante os medios de comunicación. Así mesmo o vicepresidente primeiro da Deputación lembrou o empeño da Área de Deportes da Deputación en apoiar aos deportistas galegos que comenzan dende a base practicando deportes minoritarios “Tania López representa a un gran número de mozos e mozas que compatibilizan a práctica do deporte cos estudios universitarios e que grazas a o seu esforzo persoal son capaces de acadar importantes vitorias que, sen dúbida, repercuten positivamente en elevar o nivel deportivo galego e en difundir o coñecemento do nome de Lugo no estado e en Europa”. Pola súa banda Tania López sinalou a dificultade que conleva a práctica dun deporte minoritario como é o billar a tres bandas e a complexidade de atopar xente coa que adestrar ademais do esforzo suplementario que implica o feito de non contar cun especialista que programe e coordine os adestramentos. Tania López tamén manifestou a necesidade que teñen os deportistas, que practican este tipo de disciplinas individuais, de contar con axudas para poder asumir os gastos derivados dos desplazamentos ás diferentes competicións. UNHA ENXEÑEIRA QUÍMICA QUE TRIUNFA NO BILLAR A TRES BANDAS Tania Lòpez Pérez naceu en Lugo no ano 1983 e é titulada en Enxeñería Química Industrial pola Universidade de Santiago de Compostela. Tania acadou neste ano 2008 os títulos de campiona de España feminina de billar a tres bandas na final celebrada en Murcia, e tamén se proclamou vencedora do campionato de Catalunya do ano 2008 de billar a 3 bandas en categoría feminina. Tania López iniciouse no billar nun cursiño para rapaces organizado polo Círculo das Artes de Lugo onde segue adestrando diariamente. Na medida das súas posibilidades Tania López acude as instalacións do Centro de Alto Rendemento Infanta Cristina dos Narejos, en Murcia para adestrar con outros xogadores e xogadoras do seu nivel. Segundo Tania López “un dos maiores problemas que teño á hora de adestrar e non contar con outros xogadores ou xogadoras do mesmo nivel e ter que facelo eu sola”.