Deputación de Lugo

Lara Méndez recibe a ex alumnas do antigo Colexio de Xordos do Fogar de Santa María

Un cento de antigas estudantes percorreron moi emocionadas as actuais dependencias do INLUDES onde cursaron Educación Primaria A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, recibiu este sábado a un cento de ex alumnas do Colexio de Xordos ubicado no antigo Fogar de Santa María. As antigas estudantes, que viñeron de toda Galicia e doutros puntos de España, visitaron as instalacións do Centro que se mantivo en activo ata mediados da década dos 80 no edificio que actualmente alberga o Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES). Lara Méndez deu a benvida ás ex alumnas na entrada principal do inmoble e dixo que “é un pracer para nós que esteades aquí nun día tan especial xa que supón o reencontro coa infancia e tamén coas vosas antigas compañeiras”. As ex estudantes agradeceron a acollida recibida pola Vicepresidenta Segunda e destacaron o forte vencellamento que sempre tiveron, e seguen a ter, coa Deputación lucense. Acompañadas por familiares e varias das súas mestras percorreron as distintas dependencias do Colexio. Vivíronse momentos especialmente emotivos nos antigos dormitorios, aulas e comedor, xa que non se realizou ningunha obra e se manteñen como naquela época. O único centro de Galicia Desde medidados da década dos 50, alumnas de toda Galicia cursaron os seus estudos de Educación Primaria no antigo Colexio de Xordos, o único destas características que houbo na nosa Comunidade durante varios anos. O encontro de hoxe serviu para que as compañeiras compartisen experiencias e lembresen a súa etapa estudiantil en Lugo. Logo de visitar as instalacións do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social, que ocupan unha extensión de aproximadamente 12.000 metros cadrados e que datan de 1919, as ex alumnas visitaron o Centro de Interpretación da Muralla de Lugo e realizaron un paseo pola Muralla. Estiveron acompañadas por catro das educadoras que lles deron clase, pola Presidenta de ASORLU, Purificación López Ferreiro, e por Ana López Fernández, membro da Comisión Organizadora.