Deputación de Lugo

A Área de Deporte da Deputación promove o VI Torneo de Basket Feminino Lourenzá en Xogo

Antonio Veiga salientou a importancia da posta en marcha deste tipo de competicións ao tempo que instou ás administracións traballando en prol do deporte feminino en todas as comarcas lucenses

O delegado da Área de Deporte da Deputación, Antonio Veiga, presentou este venres a última edición do torneo de baloncesto feminino Lourenzá en Xogo que terá lugar no pavillón municipal de deportes entre os días 8 e 11 de abril. No acto de presentación tamén estiveron presentes a responsable da Federación Galega de Baloncesto en Lugo, Patricia Rico, e o alcalde e o técnico de deportes do Concello de Lourenzá, Vidal Martínez Sierra e Rubén García Piñeiroa. Na súa intervención, Antonio Veiga salientou a necesidade de seguir traballando en prol do deporte de base en toda e cada unha das comarcas lucenses. A maiores, o delegado da Área de Deporte da Deputación de Lugo, instou ao resto das administracións a seguir impulsado a progresiva incorporación da muller ao eido máis profesional da práctica do baloncesto. Para Antonio Veiga, a posta en marcha deste tipo de competicións impulsa o deporte feminino ao tempo que confirma a calidade e o bo facer de cada un dos clubs que participan no torneo “Lourenzá en Xogo”. Nesta última edición participan un total de 21 equipos de toda España, destaca a presenza de sociedades deportivas de Madrid, da Comunidade Valenciana, de Castela e León ou incluso das Illas Baleares. Na categoría cadete competirán 12 clubs e na categoría junior 9 equipos femininos de baloncesto. A competición está organizada polas Escolas Deportivas Municipais de Lourenzá e polo propio concello. A Área de Deporte da Deputación de Lugo patrocina xunto coa Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral para o Deporte, a Fundación Deporte Galego, a Federación Galega de Baloncesto e Coca Cola a sexta edición deste torneo de baloncesto feminino que se dá cita cada ano na vila lucense de Lourenzá.