Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación asina con 39 Alcaldes o convenio para subvencionar pequenas infraestruturas

Investiranse 908.000 euros en Concellos de menos de 5.000 habitantes que suman unha poboación de máis de 100.000 veciños

Gómez Besteiro destacou que este é un novo sistema de cooperación cos municipios que teñen maior déficit de infraestruturas e menos recursos O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e Alcaldes de 39 Concellos asinaron este luns os convenios para subvencionar obras de pequenas infraestruturas en municipios de menos de 5.000 habitantes. O plan suma un total de 908.000 euros, dos que a institución provincial achega 607.000, cun máximo de 17.000 por obra. Gómez Besteiro destacou que é a primeira vez que a Deputación executa este plan “cun único criterio para a concesión: o número de habitantes. Estamos a falar de cooperar con eses municipios que teñen maior déficit de infraestruturas, menos recursos e, polo tanto, onde a colaboración da Deputación vai ser máis eficaz e produtiva”. O titular provincial subliñou que no proxecto están incluídos os 39 Concellos máis pequenos da provincia- agás os afectados polo canon enerxético nos que se executará un plan específico-, “entre os 39 sumades máis de 100.000 habitantes, en concreto, 101.207, case un terzo de toda a poboación da provincia de Lugo. Este non é un dato menor, senón que ratifica a importancia de que a Deputación execute políticas para sumar esforzos, superando o minifundismo mal entendido que moitas veces impediu avanzar a esta provincia”. Este plan inclúe obras de acondicionamento de accesos, ampliación das redes de saneamento, axardinamento de espazos públicos, melloras nos edificios etc., “obras que por ser pequenas non significa que sexan menos necesarias”, apuntou o Presidente. Gómez Besteiro dixo que “tamén contribuímos a crear riqueza porque co plan investimos preto dun millón de euros en obras que poden ser acometidas por empresas e traballadores dos vosos municipios”. Cooperación cos Concellos O máximo responsable da Deputación afirmou que “a cooperación cos Concellos é a nosa máxima desde que chegamos á Deputación; cooperación na que, xa anuncio, imos seguir profundizando proximamente con novas medidas”. Neste senso, lembrou iniciativas que xa se puxeron en marcha neste mandato con grande éxito, como o novo Sistema de Recadación Provincial, a creación da rede provincial de parques de bombeiros, a UNED ou os convenios cos Concellos para que acometades directamente os traballos de roza nas estradas provinciais”. Segundo sinalou, “esta nova filosofía de traballar en rede quedou recollida na Declaración Lugo, asinada por unanimidade no acto da FEMP que tivo lugar hai uns días neste mesmo salón e que xa forma parte da historia de municipalismo de España” Os Concellos que se benefician deste convenio son: Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Baralla, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Castroverde, Cervantes, Cervo, O Corgo, Folgoso do Courel, Friol, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, As Nogais, Ourol, Outeiro de Rei, Palas de Rei, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pol, A Pontenova, Rábade, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, e Xove.