Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación pechou as festas do San Froilán de Barcelona ás que asistiron 50.000 persoas en tres días

O Presidente participou na misa e na procesión na honra a San Froilán

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, pechou hoxe no distrito de Nou Barris as festas do San Froilán en Barcelona, nas que participaron máis de 50.000 persoas desde o pasado venres, segundo os cálculos da Garda Urbana barcelonesa. Despois de compartir con miles de galegos a intensa xornada de onte, o Presidente participou este domingo na misa e procesión en honor a San Froilán, así como na pulpada que se celebrou a continuación con todas as entidades galegas en Cataluña. Estes festexos son os máis importantes da Cidade Condal despois das tradicionais festas da Merced. De feito, son unhas festas privilexiadas na cidade, xa que teñen o permiso das autoridades para celebrarse no propio barrio no lugar de ter que desprazalas ó Forum, e contan co apoio económico do Concello. Nunha valoración feita polo Presidente ós medios de comunicación cataláns despois dos actos desta mañá, Gómez Besteiro destacou: “Teño unha valoración moi positiva desta visita onde podemos descubrir a verdadeira forza da comunidade galega en Barcelona e onde hai moitas posibilidades de implicala dunha forma máis activa do que viña sendo habitual. O San Froilán ten unha gran parte lúdica pero tamén outra parte que pode server para fortalecer as relacións económicas en relación coa nosa provincia. Imos continuar nesta liña non só en Cataluña, onde a forza da comunidade galega é enorme, senón noutras comunidades”. A Praza Maior do distrito de Nou Barris quedou pequena, como todos os anos, para recibir ás miles de persoas que participaron na misa e procesión en honor a San Froilán. O acto foi seguido desde a primeira fila por diversas autoridades catalanas, os representantes da asociación Amigos do San Froilán -organizadores e alma mater dos festexos-, o Presidente das Entidades Galegas en Cataluña e o Presidente da Deputación de Lugo. A Coral Irmandade a Nosa Galiza de Mollet, o Centro Galego en Barcelona e a Banda de Gaitas Toxos e Xestas amenizaron a xornada antes da sesión vermut e a actuación de dúas orquestras. Un ano máis quedaron patentes os estreitos vínculos que manteñen estes emigrantes coa súa terra de orixe, recreando o feiral do San Froilán no corazón da Cidade Condal. As festas naceron hai 13 anos grazas ós lucenses que, como é típico nos pobos galegos, recolleitaron apoios económicos e puxeron cartos do seu propio peto para as festas. O distrito de Nou Barris é o máis novo e poboado de Barcelona grazas ós miles de emigrantes galegos que desde hai anos están a fixar alí a súa residencia. En concreto, conta con 180.000 habitantes, cunha gran porcentaxe de lucenses.