Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo decreta dous días de loito oficial tras o falecemento das dúas xogadoras do Club Voleibol Emevé

As bandeiras do Pazo de San Marcos ondearán a media hasta e cun crespón negro en sinal de recordo, respecto e homenaxe ás vítimas

O vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao, leu esta mañá, no transcurso da rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, a declaración institucional de condolencia tras o falecemento de dúas xogadoras do Club Voleibol Emevé nun accidente de tráfico á saída do aeroporto de Lavacolla en Santiago de Compostela. Tal e como salientou Bao, a Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou “trasladarlles aos pais, familiares, amigos e directivos do Club Emevé o maior pesar e condolencia desta corporación polo tráxico falecemento de Aida Cela Álvarez e Iris Arias, do mesmo xeito que o desexo de pronta recuperación das xogadoras e persoas que aínda continúan en estado de convalecencia”. Ademais, Antón Bao tamén informou de que a Deputación de Lugo decretará dous días de loito oficial “en sinal de recordo, respecto e homenaxe de Lugo ás vítimas e feridos do fatídico accidente”. Logo diso, Bao tamén salientou que en sinal de loito a Bandeira Provincial Exterior izará a media hasta e a Interior con crespón negro. Ademais, o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo tamén informou que a Xunta de Goberno desta institución acordou facer acto de presenza institucional naqueles acontecementos e convocatorias de carácter lutuoso que se desenvolvan coincidindo cos funerais polas persoas falecidas. Así, xa na tarde do domingo, Antón Bao quíxolles amosar o seu apoio aos familiares, amigos e ás propias vítimas visitando os feridos no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela. Outros asuntos da Xunta de Goberno En canto aos asuntos aprobados na Xunta de Goberno, o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao, deu conta da aprobación da conta xustificativa da actividade de animación, promoción de desenvolvemento social e cultural do Plan de Cooperación con Comunidades Veciñais pertencente ao lugar de Casanova, no Concello de Xermade, por valor de 1000 euros e con motivo do 25 Aniversario da Asociación de Veciños Casanova. Logo disto, tamén informou dos seguintes cambios no Programa Provincial de Teleasistencia Domiciliaria: 30 baixas, 9 suspensións, 2 cambios de domicilio, 2 cambios de titularidade e 9 reinicios do servizo. A maiores, no transcurso da rolda de prensa, Antón Bao informou de que o Servizo de Publicacións, dependente da Área de Cultura desta institución, está a traballar na edición de 8 novas obras. Estas publicacións foron seleccionadas polo Consello da Cultura e valoradas polo seu interese e representatividade nas diferentes temáticas que abordan. Entre os criterios de selección cómpre salientar os obxectivos que persegue tanto o Servizo de Publicacións coma o propio Consello entre os que destacan os de editar e difundir obras de investigación e traballos monográficos, divulgar contidos da realidade histórica e sociocultural lucense en particular e galega en xeral, o fomento da lingua galega, o apoio á investigación e ao estudo da nosa terra e o fomento do libro e da lectura. Tal e como expuxo Antón Bao, o Consello de Cultura da Deputación aprobou a edición dos seguintes títulos: “A Biblia na iconografía pétrea lucense” de Jaime Delgado López, “A tradición oral na Comarca da Ulloa” de Rodrigo Vázquez García, “Noriega Varela. Memoria dunha homenaxe”, AA.VV, “O Cebreiro. Apuntes históricos e documentais” de Luis López Pombo, “Arqueoloxía do Valadouro. Prehistoria” de Isaac Ferreira, Manuel Lourenzo e Xesús Pisón, “Cautivério de Fingoi (os anos lugueses -1950-1965- de Ricardo Carvalho Calero)” de Ramón Reimunde, “Viveiro en Cuba” de María Golpe e “Sesenta anos da historia política da Fonsagrada. Farruquines contra Peñamarías 1875-1936” de José García Losada.