Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación asiste á toma de posesión do novo Valedor do Pobo

O Presidente da Deputación asiste á toma de posesión do novo Valedor do Pobo

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou esta mañá no Parlamento de Galicia no acto de toma de posesión de Benigno López González como novo Valedor do Pobo. Besteiro destacou que “ábrese unha nova etapa na Deputación de Lugo marcada pola transparencia e novas formas de facer política”. Para o Presidente “nas relacións sempre primará a cordialidade, cada un estará no seu lugar e nunca de costas ás institucións, como se facía ata o de agora”. O Presidente da Deputación avogou pola transparencia e a normalidade nas relacións con outras institucións” e puxo como exemplo a súa asistencia a este acto. José Ramón Gómez Besteiro afirmou que “é o momento de deixar atrás e desmarcarse dos desencontros que no seu día tivo o anterior Valedor do Pobo coa Deputación”. Por todo isto, subraiou que a asistencia do Presidente non é unha presencia puramente protocolaria, senón que, con esta asistencia, queremos marcar outra nova etapa desde a Deputación, onde a transparencia e a normalidade de relacións con outras institucións, incluida esta oficina, sexa a divisa e a forma de actuar con normalidade desde a Deputación de Lugo. O Presidente felicitou ó novo Valedor do Pobo, Benigno López e destacou a súa brillante traxectoria profesional na carreira xudicial e a madurez democrática da sociedade galega con esta designación. Benigno López é maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e foi designado o pasado 17 de xullo polo Parlamento como Valedor do Pobo.