Deputación de Lugo

A Deputación inicia o acondicionamento do parque de bombeiros de Barreiros

Imaxe deputación de lugo
Os traballos inclúen o remozado das paredes dos inmoble e a posta a punto das instalacións

A Deputación iniciou este martes os traballos correspondentes a adecuación do edificio do parque de bombeiros de Barreiros. Os traballos, financiados con 30.000 euros, inclúen o remozado das paredes do inmoble, a mellora dos accesos e a posta a punto das instalacións. Trátase de actuacións sinxelas, polo que non tardarán máis dun mes en rematarse. A empresa adxudicataria xa estivo preparando onte a zona para comezar no día de hoxe coa roza da parcela na que se ubica o edificio e logo pasar á parte interior. Simultaneamente estanse a tramitar as oportunas licenzas de obra ante o Concello de Barreiros para realizar as actuacións de máis envergadura. É o caso do acceso rodado -do que carece na actualidade -, así como das obras de abastecemento de auga, xa que o que dispón é de carácter provisional e non asegura o abastecemento para o correcto funcionamento. O organismo provincial pon fin así a unha das débedas históricas que tiña contraída con esta comarca e herdada do anterior goberno. O inmoble leva pechado desde hai catro anos. Neste senso, ata que o edificio non reúna as condicións necesarias, non disporá da motobomba nodriza e do equipamento que a Deputación xa adquiriu. Con todo, a intención da Deputación e do Concello de Barreiros é a abrir o parque canto antes porque é un servizo demandado e prioritario para todos os veciños da Mariña. O compromiso do Consorcio é que en 2010 estean operativos todos os parques: Barreiros, Viveiro, Sarria, Vilalba e Chantada. No mes de outubro iniciarase o proceso de selección do persoal que atenderá as novas instalacións tal e como se acordou no último Pleno do Consorcio Provincial. En conxunto, os cinco parques empregarán a 104 traballadores que se distribuirán nas respectivas bases.