Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo e a COTOP traballarán conxuntamente para coordenar a titularidade de varias infraestruturas provinciais

A Deputación de Lugo e a COTOP traballarán conxuntamente para coordenar a titularidade de varias infraestruturas provinciais

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, acompañou á Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, na visita institucional ós Concellos da Fonsagrada e Cervantes e estableceu unha primeira toma de contacto cos alcaldes das zonas norte e sur da Montaña lucense. Froito destas xuntanzas, o Presidente e a Conselleira acordaron traballar conxuntamente nun futuro próximo para coordenar a titularidade de varias infraestruturas provinciais. A de hoxe foi a primeira viaxe oficial á provincia do novo Presidente. A Conselleira destacou que “é necesario un exercicio de reflexión sobre a titularidade de infraestruturas. Pediremos un esforzo á Deputación, queremos poñerlle lóxica á titularidade de varias infraestruturas da provincia”. Neste senso, o Presidente ratificou “a vontade de colaboración da Deputación provincial coas demais administracións en beneficio da provincia e dos seus habitantes. O noso obxectivo é colaborar cos Concellos en todo o posible”. Na primeira xuntanza na Casa Consistorial da Fonsagrada, a Conselleira deu contas ó Alcalde, Argelio Fernández Queipo, das actuacións que o departamento que dirixe está a acometer para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade na montaña luguesa. Nesa reunión participaron tamén representantes dos concellos de Negueira de Muñiz, A Pontenova, Baleira e Ribeira de Piquín. En total, esta Consellería inviste máis de 71,6 millóns de euros na montaña luguesa, dos que 38 millóns van destinados a estes municipios máis norteños. O proxecto máis significativo do que informou a Conselleira é o coñecido como o “Y” da Fonsagrada. Esta actuación consiste nunha mellora notable de dúas estradas, LU-701 e LU-703, que parten da Fonsagrada e cruzan o límite autonómico para comunicar co interior de Asturias. Estas estradas conforman o que no VII Cumio Galicia-Asturias de 2006 se definiu como “un corredor preferente de relación interior” que os gobernos galego e asturiano se comprometeron a mellorar actuando cada un de xeito coordinado nos treitos que discorren polas súas respectivas comunidades autónomas. Estas vías contribuirán a achegar a montaña luguesa á costa asturiana e á Autovía do Cantábrico (A-8) e igualmente o interior de Asturias terá un acceso en mellores condicións á Autovía do Noroeste (A-6). O Presidente da Deputación explicou que considera moi positivo este tipo de actuacións que facilitan as comunicacións entre as dúas comunidades autónomas. Tras a visita á Fonsagrada, a comitiva trasladouse ao Concello de Cervantes onde se reuniron co Alcalde, Benigno Gómez Tadín, e con representantes dos Concellos de Becerreá, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, O Courel, Triacastela e Baralla. Os alcaldes aproveitaron a primeira visita do Presidente da Deputación para felicitalo polo seu recén nomeamento.