Deputación de Lugo

Autoridades da Bretaña Francesa coñecen a provincia grazas a Km0

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro explicou á comitiva, que mantén un irmanamento co Concello de Sarria, a grande riqueza medioambiental de Lugo

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este venres a 100 veciños e autoridades de distintas localidades da Bretaña Francesa, que participaron nunha das rutas do programa Km0, que promove a institución provincial e está destinado a converter o medio ambiente nunha oportunidade económica. O Concello Sarria mantén desde hai 10 anos un irmanamento coa rexión de Mür de Bretagne. Coincidindo coa súa estancia nesta localidade, Gómez Besteiro non quixo deixar pasar a oportunidade para que a comitiva coñecese a grande riqueza medioambiental da provincia. O titular provincial deulles a benvida en francés “bons yours celle-ci c´est vôtre maison. Bienvenus” -bos días, esta é a vosa casa. Sexan todos benvidos- e explicoulles que “Lugo é unha grande provincia, “cuxa maior riqueza é o medio ambiente ó contar con máis do 55% Reserva da Biosfera declarado pola UNESCO”. O titular provincial destacou o traballo do Alcalde e Deputado provincial Claudio Garrido, por seguir mantendo o vínculo coa rexión francesa. “Este é un exemplo deses proxectos que permiten superar a dimesión dun Concello como Sarria”. Visita á Mariña e recepción oficial Os franceses e as autoridades presentes participaron nunha das rutas de Km0. Visitaron o Mazo de Santa Comba e o casco histórico de Lugo. Posteriormente, desprazáronse ata a Mariña, onde coñeceron o centro de cultivos mariños de Ribadeo e fixeron unha travesía marítima pola Ría. Tamén visitaron o casco histórico de Mondoñedo. Previamente, no seu despacho e como lembranza da visita á Deputación, o Presidente fíxolle entrega ó Alcalde de Mür e Presidente da Comunidade de Comunas de Geridan de Bretagne, Georges Tilly, á Deputada Conselleira Xeral, Monique Le Clerio, e ó Tenente Alcalde, Lebris, de tres reproducións en prata da arpa elaborada no obradoiro de instrumentos musicais do Centro de Artesanía e Deseño, dependente do organismo provincial.