Deputación de Lugo

Gómez Besteiro: 'Esta declaración institucional simboliza o respaldo unánime de toda a provincia a Alcoa'

Ante a presenza do comité de empresa da fábrica de San Cibrao, a Corporación acordou instar ó Goberno central a presentar antes do 5 outubro unha solución ó problema da tarifa eléctrica para garantir a continuidade da fábrica e os seus 2.000 empregosO Pleno, coa oposición do PP, instou á Xunta a aboar ós Concellos de menos de 20.000 habitantes as achegas necesarias para manter os servizos sociais, posto que non foi quen de asinar coa Deputación o Convenio de Colaboración nesta materia ó que se comprometeuSegundo a información económica abordada na sesión, o organismo provincial leva adxudicado no primeiro semestre do ano o 62% do orzamento de gastos e está a pagar ós provedores nun prazo medio de 30 días, 10 antes que o esixido pola Lei

O Pleno provincial aprobou esta mañá, ante a presenza do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, unha declaración institucional consensuada polas tres forzas políticas da Corporación –PP, PSOE e BNG- que “simboliza o respaldo unánime de toda a provincia a Alcoa”, subliñou o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro. No texto acordado, o organismo provincial insta ó Goberno do Estado a presentar antes do 5 de outubro unha solución ó problema da tarifa eléctrica co fin de garantir a continuidade da fábrica sancibrense e os seus 2.000 empregos. “Máis alá das declaracións que escoitaremos de todo tipo de responsables políticos, toda a provincia apoia a Alcoa e traballaremos todos xuntos para solucionar un problema que afecta a unha empresa tan importante dende o punto de vista económico e de xeración de emprego”, asegurou o Presidente.

A proposta advirte de que fixar unha nova tarifa eléctrica reducida para os grandes consumidores é “un asunto de máxima importancia ao que se lle debe dar resposta e alternativas de xeito inmediato”, pois, de non arbitrarse, pode desaparecer “unha empresa clave no tecido empresarial da provincia de Lugo, que representa o 35% do PIB lucense, xera 2.000 empregos e ten un impacto forte na economía local do territorio que abrangue todo o Norte de Galicia”.

A presentación desta iniciativa dá resposta á petición formal que realizou o comité de empresa da planta cervense de Alcoa a tódolos Concellos da provincia e á propia Deputación para que aprobasen nos seus plenos con carácter urxente unha proposta sobre o establecemento dunha tarifa enerxética competitiva que permita a continuidade da fábrica mariñana. Neste sentido, a Deputación secundou tódolos actos reivindicativos convocados polos traballadores.

Polo desbloqueo dos servizos sociais

O Pleno aprobou por outra banda, coa oposición do PP, a proposta do Equipo de Goberno na que insta á Xunta a manter o seu investimento en servizos sociais na provincia de Lugo, aboando ós Concellos de menos de 20.000 habitantes as cantidades necesarias para garantir as prestacións, igual que o viña facendo ata este ano.

Na proposta exponse que a Xunta non foi quen de sacar adiante o Convenio de Colaboración en Servizos Sociais coas Deputacións ó que se comprometeu antes da convocatoria electoral e, tras fixarse a cita coas urnas, “resulta dubidoso que un goberno interino poida asinar convenios deste calado”. Por iso, como alternativa para desbloquear as achegas e tendo en conta a gravidade da situación económica dos municipios, familias e profesionais, o Goberno provincial reclámalle ó autonómico que lle ingrese directamente ós Concellos as cantidades necesarias para garantir os servizos sociais comunitarios, tal e como veu facendo ata este ano.

Na mesma proposta, o organismo provincial tamén lle esixe ó galego que indique que a negociación e sinatura do Convenio de Colaboración -ata o de agora bloqueado pola súa parte- sexa resolta polo goberno resultante do proceso electoral, con vista á súa aplicación no vindeiro período orzamentario.

O texto recalca neste senso a importancia de garantir as prestacións sociais nunha provincia na que o 34% da poboación –un total de 119.408 cidadáns- supera amplamente os 60 anos, e vive maioritariamente en núcleos illados e diseminados, destacando ademais a capacidade de xerar emprego que teñen estes servizos.

“Solucións, fronte a desgoberno”

A proposta aprobada hoxe no Pleno na que a Deputación insta á Xunta a aboarlle ós Concellos as cantidades necesarias para manter os servizos sociais é unha mostra máis do interese do Goberno provincial en buscar solucións técnicas e socialmente posibles, fronte “á liña errática da Xunta e falta de vontade política, que se traduce nun baleiro de xestión e nunha situación de desgoberno”, afirmou o voceiro socialista do Goberno provincial, Manuel Martínez, quen defendeu a iniciativa. Así o demostra, segundo o Deputado, a cronoloxía da actuación do Executivo galego:

En marzo “impuxo, por arte de birlibirloque”, o Decreto 99/2012 regulador dos Servizos Sociais Comunitarios e o seu financiamento, “unha chapuza legal” coa que “a Xunta unicamente pretendía deixar de aboar os cartos deste ano e trasladar esta competencia ás Deputacións e Concellos, desentendéndose así da xestión dos servizos sociais comunitarios nos municipios de menos de 20.000 habitantes, que, no caso da provincia de Lugo, son todos agás o da capital”.

A Deputación, tras a pertinente tentativa de entendemento mediante o requirimento efectuado ó Goberno galego con data do 14 de maio, e ante o silencio da administración autonómica, viuse na obriga –en garantía do interese xeral da provincia e dos lucenses- de interpor un recurso contencioso–administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; recurso que vén de ser admitido a trámite por este Tribunal (o pasado 6 de setembro).

No mes de xuño, Gómez Besteiro fixo que a Xunta rectificase e elaborase un novo protocolo de colaboración permanente coas Deputacións galegas, no que, entre outros asuntos, se modificou o financiamento dos Servizos Sociais para axustalo á Lei. Besteiro acordou este cambio na reunión que mantivo con Feijóo antes da sinatura do mencionado protocolo, un acto no que estiveron presentes os titulares das restantes deputacións galegas e o Presidente da FEGAMP. Nese protocolo, entre outros temas, acordábase que no prazo de un mes se subscribiría un Convenio de Colaboración entre a Xunta de Galicia e cada unha das administracións provinciais en materia de Servizos Sociais.

O Executivo galego remitiu un borrador de convenio en xullo, sendo estudado e analizado de xeito inmediato pola Deputación. De feito, no mesmo mes, o organismo lugués remitiulle ó Executivo galego unha contestación propoñendo ideas e adxuntando os informes dos servizos implicados. A día de hoxe, a administración autonómica nin tan sequera acusou recibo e tampouco respondeu ás cuestións plantexadas. Por iso, e trala convocatoria electoral, a Deputación luguesa plantexa como alternativa ó Convenio que os fondos destinados a servizos sociais lles sexan ingresados directamente ós Concellos.

Ademais, segundo recolle a proposta do Goberno provincial, a Deputación non se limitou a plantexar en todo momento cuestións técnicas en defensa do interese dos lucenses, senón que aprobou unha achega de 600.000 euros para sustentar a Axuda no Fogar, un 24% máis que a Xunta no 2011.

Situación económica

No Pleno abordáronse catro informes sobre a situación económica da Deputación, que recollen os seguintes datos, expostos pola Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto:

No primeiro semestre do ano o organismo provincial recuperou a estabilidade orzamentaria, é dicir, o equilibrio entre os gastos e os ingresos non financeiros. Ó finalizar o 2011, na Liquidación, a Deputación entrou en inestabilidade (os gastos non financeiros eran superiores ós ingresos non financeiros), avanzando xa nese momento que era algo puntual, e que o solucionaría cun Plan Económico Financeiro, un plan que, de feito, aprobou no Pleno de xuño. A estabilidade recuperouse xa o pechar o primeiro semestre deste ano 2012, co que a Deputación garante a súa sostibilidade económica, pois non depende de préstamos bancarios para afrontar os gastos.

A Deputación leva adxudicado no primeiro semestre do ano o 62% do Orzamento de gastos, un nivel de execución moi superior ó rexistrado noutras épocas co ano pechado: por exemplo, os anos 2005 e 2006 acabaron cun 58% do Orzamento de gastos adxudicada a final de ano.

Segundo o informe do segundo trimestre do ano que foi a este Pleno sobre o pago a provedores, a Deputación está pagando nunha media de 30 días, dez antes dos 40 días esixidos por Lei para este 2012.

A única Deputación que colabora con tódalas confrarías

Con respecto á moción do Grupo Popular relativa ó incremento de apoio económico da Deputación ás confrarías lucenses, que foi rexeitada, o voceiro socialista do Goberno provincial subliñou que “a competencia exclusiva” en materia de pesca e marisqueo corresponde á Xunta de Galicia. Neste senso, Martínez reprochou á Xunta “que non queira asumir ningunha competencia, nin as de servizos sociais, nin as de pesca... todo lle traslada ós Concellos e á Deputación. Ó mellor non había que pensar en pechar as Deputacións, senón a Xunta porque, con Feijóo, non vale absolutamente para nada”.

Alegou así mesmo que a de Lugo “é a única Deputación de Galicia que colabora con todas as confrarías da provincia por igual, e a primeira que ten concedidas este ano as axudas a todos os pósitos de Lugo”.

Esta colaboración por igual coas confrarías lucenses, argumentou o Deputado, contrasta coa situación dada nos últimos anos de goberno do PP, “nos que tan só colaboraba con unha confraría, a do Vicedo, achegándolle 12.000 euros ó ano”, e coa que se produce nas outras Deputacións galegas:

A Coruña: A partir de 2011, só colaborou con 11 das preto de 40 confrarías da súa costa, e este ano, a pesar de que as axudas están convocadas dende febreiro e o prazo de presentación de solicitudes xa rematou en marzo, actualmente, nin están resoltas, nin hai data prevista para a súa resolución neste 2012.

Pontevedra: En 2011 só lle concedeu axuda á confraría de Bueu, e non hai convocatoria pública, como no caso da Deputación.

Polo que respecta á Xunta, “a única que ten directamente as competencias na materia”, insistiu Manuel Martínez, adebeda “un mínimo de 1,5 millóns de euros ás confrarías galegas, débeda correspondente ó retraso de máis de 8 meses que leva no pago das axudas de vixilancia e asistencia técnica correspondentes ó ano 2011”, argumentou o Deputado.