Deputación de Lugo

TRABALLO INVISTE ESTE ANO MÁIS DE 50 MILLÓNS DE EUROS EN MEDIDAS ACTIVAS DE EMPREGO PARA BENEFICIAR A 8.000 DEMANDANTES NA PROVINCIA DE LUGO

O conselleiro de Traballo e o presidente da Deputación de Lugo asinaron hoxe o protocolo para a coordinación de actuacións entre os pactos territoriais de emprego autonómicos e o provincial, perante unha ampla representación do futuro empresariado de Lugo

O departamento que dirixe Ricardo Varela destina máis de 14 millóns de euros á posta en marcha de accións para formar a preto de 4.000 desempregados nese territorio Máis de 2.000 persoas en paro se beneficiarán dos programas de formación en alternancia e de cooperación, nos que se investirán preto de 25 millóns de euros na provincia de Lugo A Consellería de Traballo achega este ano máis de 50 millóns de euros para o desenvolvemento de medida activas de emprego na provincia de Lugo. Estas accións -segundo anunciou hoxe o titular do departamento laboral da Xunta de Galicia, Ricardo Varela- beneficiarán a 8.000 persoas en paro nese territorio. Dese investimento global na provincia lucense para medidas activas de emprego, a cantidade destinada ao fomento do emprendemento e a contratación ascenderá a máis de 11,5 millóns de euros, co que se impulsará a creación dun total de 2.241 postos de traballo. A esta cifra hai que sumar tamén os preto de 25 millóns de euros que se están a investir para a posta en marcha de programas de formación en alternancia e de cooperación, e os máis de 14 millóns para a realización de iniciativas de formación. Estes investimentos beneficiarán, respectivamente, a máis de 2.000 e preto de 4.000 persoas en paro na provincia de Lugo. O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, repasou estas cifras tras asinar co presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, un protocolo de colaboración para a coordinación de actuacións en materia de emprego. Esta medida ten por obxectivo poñer a disposición do futuro Pacto de Emprego que está a desenvolver a Deputación de Lugo os recursos dos Pactos Territoriais de Emprego xa postos en marcha polo Goberno galego da man dos axentes económicos e sociais. Na súa intervención, Ricardo Varela, subliñou que a importancia deste acordo vén determinada pola novidosa coordinación que supón o conxugar as actuacións de ambas as dúas Administracións a prol do emprego. Ao mesmo tempo, esta incidencia valorizará o fundamental compromiso da Consellería de Traballo coa provincia de Lugo. Pacto Provincial Só por parte da Deputación o Pacto Provincial ten un orzamento de 4 millóns de euros (o 80% respaldado pola UE e o 20% pola Deputación). Con este Pacto Territorial de Emprego Xunta e Deputación planificarán políticas laborais para dar cobertura a preto de 89.452 traballadores e uns 19.358 desempregados de toda a provincia, especialmente mozos, desempregados, persoas maiores de 45 anos, parados de longa duración… Desde hoxe Consellería de Traballo e Deputación camiñan da man. “Coa sinatura deste convenio, iniciamos unha planificación e xestión coordinada do conxunto dos recursos públicos que se destinarán ó emprego na provincia. Aquí temos representado ó futuro de Lugo”, xa que o cento de empresarios que participaron no acto representan o relevo económico da provincia de Lugo. A palabra crise significa oportunidade para a Deputación. Grazas ó Pacto Provincial, a folla de ruta comprenderá un traballo como: detectar perfís profesionais que requiran as empresas; deseñar un Mapa de emprego con posibilidades a curto, medio e longo prazo na provincia de Lugo; captar empresas ás que, ademais de axudas e bonificacións, se lles ofreza a formación que necesiten; procurar a inserción dos traballadores que especialmente están en sectores maduros ou en reconversión; potenciar a mobilidade interprofesional, etc. Pactos Territoriais de Emprego Ricardo Varela lembrou que o departamento laboral da Xunta ten posto en marcha 3 Pactos Territoriais de Emprego –o de Lugo, Lemos e A Mariña- que abarcan o conxunto dos municipios da provincia lucense. Os Pactos Territoriais, explicou, son froito dos acordos do Diálogo Social e implican aos entes locais e aos axentes sociais na planificación e xestión coordinada dos recursos públicos que se destinan ao emprego. Neste contexto, o conselleiro de Traballo explicou que o Pacto Provincial actuará de maneira complementaria e coordinada cos xa existentes. Desta forma, a Deputación de Lugo tomará parte no desenvolvemento metodolóxico e na aplicación práctica cara a análise e prospección do mercado de traballo, mentres que a Consellería lle facilitará ao organismo provincial os datos estatísticos sobre o mercado laboral da provincia. Froito deste protocolo de colaboración, a Deputación de Lugo incluirá aos seus orientadores na rede da Consellería para a elaboración dos itinerarios personalizados de inserción. A Xunta, pola súa banda, porá en relación aos técnicos da Deputación cos existentes nos 3 Pactos Territoriais na provincia. Tamén se facilitará a conexión dos servizos de orientación da Deputación coa rede de orientación autonómica de cara a elaboración dos itinerarios de inserción. Neste contexto, nas accións de formación que desenvolva o organismo provincial, daráselle especial relevancia á formación en competencias clave, que son a chave de acceso aos diferentes certificados de profesionalidade.