Deputación de Lugo

O proceso de transferencia dos hospitais provinciais ó SERGAS centrou a reunión do Presidente da Deputación cos responsables das Delegacións de Sanidade de Galicia

Gómez Besteiro enviolle hoxe unha carta á Conselleira de Sanidade para abordar a transferencia dos hospitais

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este luns ós máximos responsables das Delegacións de Sanidade en Lugo, Miguel Ángel Rodríguez Lois, Ourense, Juan José Monedero, A Coruña, María Ausencia Tomé Martínez de Retuerto, e Pontevedra, Juan Antonio Martín. Na xuntanza abordouse principalmente cal é o proceso que se está a seguir en toda Galicia para a transferencia dos hospitais provinciais galegos ó SERGAS. A intención da Deputación de Lugo tal e como xa manisfestou noutras ocasións a Deputada delegada de Sanidade, María Xosé Vega, é transferir os hospitais de San Rafael e de San José ó SERGAS na maior brevidade posible. Deste xeito, Vega Buxán xa expresou en días pasados, a intención do organismo provincial de que no ano 2008 a transferencia destes centros sanitarios estea realizada. Precisamente, o Presidente provincial remitiulle este luns unha carta á Conselleira de Sanidade, María Xosé Rubio, na que lle expresa o compromiso da Deputación de transferir no menor tempo pisible os Hospitais de San Xosé e de San Rafael, actualmente de titularidade provincial, ó Sistema Galego de Saúde. Deste xeito, José Ramón Gómez Besteiro, manterá unha xuntanza nos vindeiros días para programar os tempos da Comisión Mixta necesaria para o traspaso de ámbolos dous centros.